Denunciamos ante a Xunta, a Deputación Provincial e a UNESCO, a obra da ampliación da estrada OU-0509 en Esgos por afectar ao conxunto histórico-artístico, cultural e natural de San Pedro de Rocas

Verdegaia, xunto a outras entidades ecoloxistas e de defensa do patrimonio cultural, denunciamos o proxecto de ampliación da estrada OU-0509 en Esgos que contempla a corta polo pé de 83 árbores de distintas especies forestais e a destrución de elementos patrimoniais, arqueolóxicos, naturais e etnográficos-culturais do BIC de San Pedro de Rocas: paisaxe cultural e un dos conxuntos patrimoniais de máis valor da Ribeira Sacra.

A obra está promovida e orzamentada pola Deputación Provincial de Ourense, e autorizada pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Turismo e a Consellería de Medioambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia. A finalidade desta intervención é o Proxecto de Acondicionamento e mellora integral da estrada, para facilitar o tránsito a grandes autobuses para o seu acceso directo ao conxunto monumental de San Pedro de Rocas. A xustificación teórica é a de preservar o Patrimonio Natural, ao reducir o número de árbores a tallar polo pé. Para poder levalo a cabo, procédese á expropiación forzosa dos terreos.

Trátase dun entorno perfectamente integrado, conservado e con suficientes accesos para todo tipo de vehículos, localizado no Concello de Esgos, Ribeira Sacra (Ourense). É un espazo de alto valor medioambiental, paisaxístico, etnográfico-cultural, actualmente Candidato a súa declaración como Patrimonio Mundial da Humanidade pola UNESCO.

San Pedro de Rocas é Patrimonio Histórico dende 1923, BIC (na categoría de Paisaxe Cultural) dende 2018, unha das xoias naturais, paisaxísticas, medioambientais, históricas, arqueolóxicas, artísticas e antropolóxicas do conxunto da Ribeira Sacra. É o mosteiro máis antigo deste territorio da provincia de Ourense e Lugo, o único cenobio que evidencia pegadas e elementos materiais que demostran a máis antiga vida eremítica do noroeste peninsular e que, ademais, evidencia culto pagán prehistórico, precedendo en varios séculos ao culto cristián. Pegadas, restos arqueolóxicos e materiais que se conservaron ao longo do tempo, elementos históricos que hoxe corren o risco de sufrir danos irreversibles por unha actuación institucional inxustificada.

Cómpre protexer o gran complexo rupestre de San Pedro de Rocas, que ocupa unha superficie de arredor de 30 hectáreas, xustificada e argumentada ao traveso da investigación científica cos criterios III e IV do expediente da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial da Humanidade pola UNESCO, demostrando súas orixes sacras, tanto na súa vertente pagá como cristiá, remontándose cando menos ao 10.000 a. C., tal e como reflicten as últimas investigacións e achados realizados. Sen dita investigación e sen os correspondentes resultados non se poderían documentar cientificamente as orixes sacras da Ribeira Sacra.

Solicitamos a paralización das obras polos seguintes motivos:

  • Por non respectaren a lexislación vixente, por non teren en consideración os restos arqueolóxicos da zona, por que estragan parte dunha masa forestal de gran valor, por que non respectan os elementos patrimoniais etnográficos-culturais existentes (muros de pedra en seco, cruceiro, pasos da auga, contorna do Pazo da Coutada…).
  • Porque no proxecto só se ten en conta a creación dunha estrada convencional, onde non se restitúe o que se destrúe e ensánchanse unha estrada de moi baixo tránsito viario para que poidan manobrar autobuses de grande envergadura.
  • Porque o turismo que hoxe ten a Ribeira Sacra, resulta sustentable porque a zona se mantivo no tempo e conservou así particularidades que non se dan noutros territorios: formacións xeolóxicas con rochedos de grandes dimensións e figuras zoomorfas antropomórficas; a riqueza da súa biodiversidade tanto de flora como de fauna sendo a contorna do mosteiro de San Pedro de Rocas un claro exemplo do gran valor das formacións arbóreas tanto de fragas autóctonas como de plantacións de árbores forestais que incrementan a súa valor paisaxística forestal e natural.
  • Porque supoñen un ataque inxustificado a unha das xoias da Ribeira Sacra, unha desfeita inxustificada ao conxunto que integra o BIC de San Pedro de Rocas.