O pasado martes, 15 de decembro, tivemos noticia da sentenza do TSXG que anula o acordo do Consello da Xunta polo que se aproba a modificación do parque eólico Serra do Oribio, recollendo as demandas de Verdegaia no recurso Contencioso-Administrativo ante dito tribunal. O mesmo sucedeu con outras dúas sentenzas emitidas polo mesmo tribunal ante os respectivos recursos interpostos por Petón do Lobo por unha banda, e por ADEGA, Fundación Oso Pardo e Sociedade Galega de Ornitoloxía por outra, que anulan e deixan sen efecto, por non ser conforme a Dereito, dito acordo do Consello da Xunta do 27 de xuño de 2019.
Celebramos a que nos parece unha sentencia histórica, na medida en que reproduce moitos dos argumentos que vimos expoñendo desde hai tempo tanto os colectivos ecoloxistas como as plataformas locais que se enfrontan a este tipo de proxectos.
O auto lembra que a autorización excepcional de modificación de Parques Eólicos (PE) en Rede Natura é para aqueles proxectos xa existentes, en explotación e con aeroxeradores instalados, polo que neste caso non é posible, xa que se trata dun proxecto que nin sequera se comezou a executar, e que ademais está situado en zona de especial protección. A Declaración de Impacto Ambiental (DIA) de 2005, na que pretendían amparar a “modificación” do proxecto, está obsoleta e caducada, e non se pode dar prórroga de vixencia á DIA dun proxecto que non foi nin executado nin iniciado, de modo que, segundo o tribunal, pódese considerar que o novo proxecto carece de DIA, xa que, dados os múltiples cambios normativos habidos, a de 2005 carece de validez.
As zonas de protección, indícase, han de ser respectadas, salvo un interese público prevalente. Neste caso, o tribunal considera que se trata dun interese privado, non público, polo que o argumento do suposto interese público non pode ser esgrimido para xustificar a desprotección do medio e eludir o principio de precaución. Lembra así mesmo que as especies non entenden de límites administrativos, polo que a Rede Natura debe ser unha “rede ecoloxicamente coherente”, e non unha serie de espazos illados, rodeados de polígonos industriais.
A sentenza indica ao sector eólico que debe axustarse á lexislación medioambiental, incluíndo a da UE, como as Directivas de Hábitats e Aves, e cita o estudio da UCM “Las implicaciones ambientales ecológicas en Galicia”, no que se afirma que o proceso de implantación de PE non é inocuo co medio, e que se seguen a producir agresións ambientais a pesar de existir lexislación estatal abonda para poder evitalo. O tribunal estima, ademais, que existe un baleiro legal ambiental en Galiza, baleiro no que, indica, se amparan as empresas enerxéticas para levar adiante os seus proxectos.
No texto hai tamén un tirón de orellas para as administracións competentes, neste caso a Consellería de Economía, Emprego e Industria, e moi en particular a Dirección Xeral de Enerxía e Minas. Así, afírmase que desde esa administración se fai unha interpretación nesgada da lei, dende un punto de vista “tremendamente produtivista”, e cunha planificación das renovables na que non se acaba de incorporar a variable ambiental. Algo que, engaden os xuíces, vese agravado pola falta de canles de participación social no desenvolvemento das enerxías renovables “quedando relegados a un papel pasivo, de afectados, fronte un papel activo, de agresores e beneficiarios, das empresas ou administración”. Tamén nisto coincidimos coa valoración do tribunal, pois pensamos que é xa moita hora de mudar un Plano Eólico caduco que só defende os intereses das grandes empresas e esquece totalmente o medio ambiente e a participación pública. É tempo de democratizar a produción de enerxía, de que haxa unha participación social nos proxectos, tanto na súa planificación como nos seus beneficios económicos como se demanda desde a Plataforma por Un Rural Vivo. Algo que xa se recolle en textos legais europeos, como o que fai referencia ás Comunidades Enerxéticas Locais (apartado 22 do documento).
Resulta esperanzador que desde o máis alto tribunal galego se nos dea a razón dunha maneira tan clara e contundente nas reivindicacións que vimos facendo desde hai moito tempo. Aínda que cabe recurso a esta sentenza, esperamos que se resolva de maneira favorable ao medio ambiente e á participación pública.
Que sexa preciso chegar aos tribunais para que se cumpra a lexislación é algo lamentable e propio dun país no que a palabra democracia non alcanza o seu pleno sentido. O mesmo que se solicitaba na demanda, pediuse nas correspondentes instancias, pero os nosos argumentos foron desoídos, e as leis ás que apelabamos (e que agora, grazas a esta sentenza, nos amparan) ignoradas por quen ten a obriga de facelas cumprir.