Verdegaia vén de se sumar á proposta "Políticas e accións para erradicar a fame e a desnutrición " apresentada co gallo do Cume Mundial sobre Seguranza Alimentar que se celebra estes días (16-18 de Novembro) en Roma. O documento recolle achegas baseadas na experiencia e traballo de movimentos e organizacións sociais de todo o mundo ao longo das últimas décadas e intégranse no marco da soberanía alimentar, que abranxe o direito humano á alimentación adecuada.

Carta aberta: Políticas e accións para erradicar a fame e a malnutricion

Nós, @s campesiñ@s de pequena escala e pescadores, pastores nómades, mulleres, novas, indíxenas e outros movimentos sociais e organizacións da sociedade civil, enfrontamos xuntos o desafío de propor políticas e accións que conduzan á erradicación da fame e a malnutrición no mundo.

Cremos firmemente que as accións para erradicar a fame e a malnutrición deben basearse nunha visión do mundo na que:

  • a soberanía alimentar debe ser recoñecida e implementada polas comunidades, pobos, Estados e institucións internacionais;
  • todos os pobos, sociedades e Estados deben poder determinar os seus propios sistemas alimentares e ter políticas que aseguren a dispoñibilidade de alimentos suficientes, de boa calidade, alcanzabeis, saudabeis e culturalmente apropiados;
  • debe haber respeito polos dereitos das mulleres, recoñecemento do seu contributo crucial como provedoras de alimentos, e representación das mulleres en todos os órganos de toma de decisións;
  • débense conservar e rehabilitarse os contornos terrestres e acuáticos, así como a biodiversidade, baseándose nun manexo ecoloxicamente sustentábel das terras, solos, augas interiores, mares, sementes, gando e organismos acuáticos;
  • a diversidade de coñecimentos, alimentos, linguas e culturas tradicionais, debe ser valorada e respeitada;
  • o modo en que os pobos se organizan e expresan a si mesmos debe ser aceitado, e o poder dos pobos para tomar decisións sobre a súa herdanza material, natural e espiritual debe ser defendido.

Propomos as seguintes políticas e accións tendo en conta que a fame e a malnutrición alcanzaron niveis escandalosos no mundo actual e que iso non é accidental. Cando se observa a prevalencia deste azoute no contexto das múltiples crises do mundo actual, vese moi claro que as políticas existentes criaron o problema e que é necesaria unha nova formulación.

Tamén tivemos en conta o feito coñecido de que esta situación non é resultado dunha falta de alimento no mundo, pois se produciron continuadamente alimentos suficientes durante décadas. As solucións que ofreceron e seguen a ofrecer os Estados e institucións internacionais baséanse no incremento da produción e dispoñibilidade de alimentos, sen chegar ás causas profundas das múltiples crises. Están a propor solucións utilizando o mesmo esquema que causou os problemas no comezo.

Erradicar a fame e a malnutrición require mecanismos que incorporen medidas sociais, ambientais e económicas. Para implementarlas requírese a participación decisiva de organizacións de provedores de alimentos de pequena escala e de consumidores en todas as políticas e programas deseñados para corrixir eses problemas.

Damos a benvida ao documento de traballo, Políticas e accións para erradicar a fame e a malnutrición, que esboza as nosas propostas para os cambios necesarios e como se deberían realizar. O documento de traballo contén varias políticas e accións nas seguintes áreas:

  • Provisión de alimentos ecolóxicos e sustentábeis e aceso a territorios e bens naturais
  • Medio, cambio climático e agro-combustibles
  • Mercado, comercio, políticas de prezos e subsidios
  • Asegurar o aceso ao alimento adecuado
  • Finanzas, débeda e axuda ao desenvolvimento
  • Gobernanza

Apoiamos o resumo do documento de traballo anexo a esta carta coa convicción de que será útil aos gobernos e institucións e pobos e ás súas organizacións no esforzo por erradicar a fame e a malnutrición, así como para asegurar a consecución da soberanía alimentar incluíndo o direito humano á alimentación adecuada.

O mundo non debe ficar fechado nunha rúa cega que só nos pode levar a niveis máis profundos dos problemas. Xa que logo, instamos aos Estados e institucións internacionais a traballar connosco —os movementos de agricultores de pequena escala e pobos pescadores, pastores nómades, indíxenas, outros movementos sociais e organizacións da sociedade civil—  nun esforzo común por enfrontar e acabar co azoute da fame e a malnutrición.