Estes días os medios de des-información enchen os seus contidos co desembarco na praia de Samil, que é unha zona turística onde agora hai moito público, que o que menos pensa é en levar a guerra ó seu lecer. O que pode parecer ocio e algo que ensinarlle aos seus fillos, os que inda non saben a devastación que implica unha guerra. De feito, nin sequera os supostos adultos entenden o que é unha guerra, xa que os medios de comunicación só nos manteñen informados do que queren e non do que acontece.
Comprobamos que a guerra é un negocio e, agora, un espectáculo circense, como se esta escalada de violencia e a manipulación mediatica non fora con nós…
A máquina de guerra mediática ten un plan definido para este futuro bélico e para os intereses xeopolíticos das elites, que nos levan a unha escalada bélica e autoritaria que parece non ter fin, polo que empregan as armas mediáticas para xustificala.
Este é o “Decálogo da Propaganda de Guerra” :
- “Nós non queremos a guerra”.
- “O inimigo é o único responsábel da guerra”.
- “O inimigo é un ser execrable”.
- “Pretendemos nobres fins”.
- “O inimigo comete atrocidades voluntariamente. Os nosos son erros involuntarios”.
- “O inimigo emprega armas non autorizadas”.
- “Nós sufrimos poucas perdas. As do inimigo son enormes”.
- “Os artistas e intelectuais apoian a nosa causa”.
- “A nosa causa ten un carácter sagrado, divino ou sublime”.
- “Os que poñen en dúbida a propaganda de guerra son uns traidores”.
Se analizamos ben este decálogo, corresponde a dez principios (ou mandamentos) descubertos polo político pacifista inglés Arthur Ponsonby na súa obra “A falsidade en tempo de guerra: As mentiras da propaganda da Primera Guerra Mundial” de 1928 (Falsehood in Wartime: Propaganda Lies of the First World War (1928)), na cal expón como as nacións belixerantes aprenderon a mentirlle non só ó inimigo, senón ás súas propias poboacións para facer da guerra unha causa xustificada. Durante as seguintes guerras do século XX e XXI puido ser comprobada a vixencia de dita obra, recollida tamén na obra “Principios elementais da propaganda de guerra” de Anne Morelli.
Por todo isto, e volvendo á primeira parte, o que aconteceu en Samíl non deixa de ser unha forma de achegarnos á guerra e de seguir co encirramento cara ó militarismo, que chegará se non construímos unha actitude crítica antimilitarista.