Dende o núcleo comarcal de Verdegaia-Vigo vimos de presentar unha denuncia perante a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil polos verquidos que veciñas da localidade do Porriño teñen detectado nos pasados días 1 e 8 de agosto nas augas do río Louro. Na tardiña de ámbolos dous domingos a empresa Frigolouro ten realizado verquidos compostos por restos orgánicos, sangue e lixivias, provintes posiblemente da limpeza dalgunha das salas desta industria cárnica.
Por todo isto, queremos tamén manifestar o noso apoio á campaña iniciada por algunhas veciñas do Porriño para denunciar perante a opinión pública este tipo de actuacións, que atentan contra o medio ambiente e o patrimonio común de todas. Como parte desa campaña estas veciñas teñen iniciado unha recolla de firmas e pretenden concentrarse semanalmente, cada xoves a partires das 21h, no xardín situado da outra beira do albergue de peregríns, xusto a carón de Frigolouro, para reclamar un río máis limpo e libre de verquidos.
Por outra banda, dende o núcleo comarcal de Verdegaia-Vigo imos comezar un seguemento das augas deste río, que forman nesta área xeográfica o Lugar de Interese Comunitario (LIC) das Gándaras de Budiño e das Ribeiras do Louro. O obxectivo é realizar unha análise periódica da calidade das súas augas antes e despois do seu paso polo núcleo urbano e as zonas industriais deste municipio, observando, mediante indicadores como a presenza de macroinvertebrados, a evolución do seu estado, toda vez que tras varios anos de parón ten comezado a funcionar o sistema de recolla e depuración de augas da EDAR de Guillarei. Temos que recordar que apesares da súa situación límite e de anos de agresións, as ribeiras do Louro aínda gardan un ecosistema dun enorme valor ambiental.