canon_do_sil.jpgA aprobación por unanimidade no Parlamento da moción presentada polo PSOE, co respaldo do BNG, no que se recoñece a sobreexplotación hidroeléctica dos ríos galegos é unha boa noticia para os nosos ríos e unha resposta á demanda que as asociacións ecoloxistas e grande parte da cidadanía viña facendo especialmente desde os anos noventa, cando se comezaron a promover de forma ambientalmente irresponsábel numerosas minicentrais. De feito, o Parlamento galego aprobou xa no 2006 unha Iniciativa Lexislativa Popular en Defensa dos Ríos apoiada por 40.000 sinaturas e inspirada na nova cultura da auga.

Eliminar a proposta de construción das 33 minicentrais previstas no borrador do Plan Hidrolóxico Galicia-Costa, actualmente en fase de consulta, e impedir a construción das que ficaron paralizadas co decreto 555/2005, xunto coa declaración dos ríos galegos como zonas libres de novos aproveitamentos hidroeléctricos son medidas que significan, de se cumpriren, un bo punto de partida para iniciar un proceso activo de recuperación dos ríos degradados por aproveitamentos hidroeléctricos, recuperando concesións caducadas, eliminando os encoros máis prexudiciais e racionalizando o uso enerxético dos nosos ríos.

Con esta moción semellan acoutadas as ameazas futuras en forma de azudes mais quedan moitos problemas que enfrontar para unha boa conservación dos ríos, como son os verquidos de orixe urbana, industrial e agraria, o sobreconsumo de auga e de enerxía, o incumprimento ou ausencia dos  réximes de caudais mínimos ecolóxicos, a destrución do bosque natural das ribeiras e a artificialización das mesmas, a construcción de infraestructuras de transporte, a expansión de especies exóticas invasoras, etc. O propio Documento de Síntese do Plano Hidrolóxico Galicia Costa sinala que o 30% das masas de auga continentais están en mal estado e só un 17 % poden cualificarse como en moi bo estado. Por ese motivo, e porque a auga é un activo ecosocial, limitado e básico para a vida, esiximos á Xunta de Galicia unha actuación decidida en todos os campos da conservación dos ríos , como no caso da depuración urbana, xa que se incumpre sistemaáticamente a Directiva Europea sobre Tratamento de Augas Residuais, aprobada no ano 91 que sinalaba o 31 de decembro do 2000 como prazo límite para dotar ás poboacións de máis de 15.000 habitantes de sistemas axeitados de recollida e depuración. Tras case que unha década de incumprimentos, a Comisión Europea anunciou o pasado ano que levará o Estado español diante do Tribunal de Xustiza da UE por incumprimento desta directiva en 38 cidades, entre as que están A Coruña e Santiago.

A asociación ecoloxista Verdegaia quere tamén amosar a súa oposición perante o comunicado de posibles “compensacións” que a Xunta pretende “negociar”  – segundo declaracións do voceiro parlamentar do PP, Daniel Varela- coas empresas adxudicatarias desas concesións rescatadas, gran parte delas concedidas ilegalmente. Unha resolución como esta non pode dar pe a un “cambalache” político-económico, de reparto de prebendas, cartos, obras, repotenciacións etc, entre as empresas explotadoras. Grande parte das concesións agora anuladas, incumprían a normativa europea, estando situadas en Rede Natura 2000, sobreexplotando os ríos, e con tramitacións cando menos irregulares, polo que non debe haber lugar a compensación de ningún tipo.