galiza lume1Ante a vaga de incendios que asola Portugal e considerando a extrema gravedade dos acontecementos, desde os grupos promotores da Asemblea Contra a Eucaliptización queremos destacar:

  1. A xestión das emerxencias por grandes incendios, sendo fundamental para evitar o agravamento da súa incidencia, especialmente no tocante á posta en perigo de vidas humanas, non debe deixar en segundo plano a existencia de factores relacionados coa política forestal e de usos do monte.
  2. Recoñecendo a complexidade dos problemas asociados á xestión do monte e á prevención e combate do lume, é preciso asumir que a frecuéncia e intensidade de grandes incéndios é un fenómeno relativamente recente, mui posíbelmente favorecido polas mudanzas climáticas. Mais tamén é innegábel que a súa aparición se remonta aos decénios dos anos 70 e 80.

Dito o anterior, existen razóns obxectivas para establecer unha analoxía entre a situación do monte no país veciño e a actualmente existente en várias comarcas da nosa terra:

  • Inmersión dos núcleos de povoación en grandes extensións contínuas de masas forestais de crecemento rápido, sen que os plantíos destas garden as necesárias distáncias preventivas.
  • Alternancia de superfícies produtivas, de extensión variábel e distinto grao de ordenación, con outras nas que prevalece un abandono extremo, resultado da dinámica imperante no mercado da madeira, da ineficácia das políticas de desenvolvemento rural e da auséncia de vontade política para trazar directrices que integren a multifuncionalidade dos montes.
  • Desinterese na aplicación de medidas preventivas no entorno das vías de comunicación: nen faixas de prevención, nen refúxios anti-incéndios (superfícies de acollemento desprovistas de arvorado ou vexetación que poida arder), derivando a responsabilidade cara administracións carentes de capacidade e sen asumir que se siguen a certificar ou tolerar plantíos nos bordes de camiños, pistas e estradas.
  • Inexistencia non só de masas de frondosas autóctonas para a ruptura da continuidade das masas produtivas de eucaliptos e piñeiros, senón tamén de elementos de ordenación forestal con finalidade preventiva ou de ralentización da propagación dos lumes, como faixas de eliminación de espécies pirófitas altamente combustíbeis.
  • No tocante á vulnerabilidade derivada do cámbio climático, parece existir unha afección común por episódios de caréncia continuada de precipitacións e maior duración dos períodos de ventos fortes, co conseguinte descenso da humidade ambiental e dos solos e, por tanto, co incremento da combustibilidade. As máis frecuentes vagas de calor predispoñen as masas forestais máis combustíbeis (piñeiros e eucaliptos) para que cando apareza lume se agraven as emerxéncias coas estiaxes, alongándose ademáis o período de risco alto de incéndio. Nestas circunstancias, os lumes fanse máis virulentos e máis difíciles de atallar e combater, demandando operativos máis rápidos e eficientes. A pesar da relativa eficiéncia do servizo galego de extinción, en grandes incéndios a capacidade de contención é limitada. Lembremos as vítimas mortais de Cerdedo (2006), auténtico precedente do acontecido en Portugal.
  • No aspecto produtivo, predomínio absoluto da silvicultura intensiva orientada ao fornecemento de materia prima para a extracción de celulosa, inexistencia de plans específicos para a incorporación das espécies de frondosas autóctonas á diversificación produtiva e industrial e renúncia da administración competente ao intervencionismo sobre as propriedades en estado de abandono e sobre ao impulso de políticas de ordenación e restrición de usos do monte, en benefício dos intereses das multinacionais da celulosa.

Ante este escenário, os grupos que asinan esta nota reclaman a urxente adopción de medidas extraordinarias tendentes a reducir os riscos da propagación de incendios, e especialmente as relativas a frear a expansión incontrolada de plantíos de eucaliptos:

A escala global

  • Rede Natura: erradicación das masas de eucaliptos
  • Liña de costa: faixa de exclusión de 1km
  • Camiños de Santiago e vías verdes: faixas de exclusión dun mínimo de 1km a ambos lados
  • Vías verdes e outros camiños históricos: faixas de exclusión de 0.5km a ambos lados
  • Paisaxes protexidas: erradicación das masas de eucaliptos
  • Patrimonio histórico e arqueolóxico: faixas de exclusión de dimensións variábeis en función do espazo e elemento patrimonial (mínimo 25m en elementos menores singulares como petróglifos e mámoas e, no caso de elementos maiores como castros ou conxuntos etnográficos e arqueolóxicos, ordenación específica con distancia de exclusión a estudar caso a caso)

A escala local

  • Faixas de exclusión dun mínimo de 50m en:
    • Cursos de agua permanentes, estacionais e brañas
    • Núcleos de povoación, habitados ou deshabitados (distancia incluso maior en función das pendentes)
    • Estradas e vías de comunicación, incluindo camiños de ferro:
      • Nas masas monoespecíficas extensas de piñeiro ou eucalipto, e mesmo nas súas mezclas, na costa e território próximo ao litoral, sería preciso modificar a vexetación nas faixas laterais da rede viária entre 25 e 100m dependendo da pendente e tendo en conta a carga diaria de vehículos. Son especialmente perigosos os eucaliptais de grande porte, porque o lume nesas masa facilita a propagación de faíscas polo aire a longas distáncias.
  • Reserva dunha porcentaxe de superficie ecolóxica para bosque nativo en repovoacións e masas produtivas maiores de 1ha: 30% en eucaliptais, 20% en coníferas e 10% en frondosas e caducifolias, rompendo a continuidade das masas produtivas altamente combustíbeis, aproveitando nomeadamente valgadas e zonas con maior humidade e profundidade dos solos.
  • Erradicación das masas de eucaliptos ventureiros cuxos propietarios non poidan acreditar que sexan masas produtivas coidadas e sometidas a ordenación.
  • No caso do aproveitamento forestal, exclusividade de repovoación con especies frondosas autóctonas nas terras agrarias.

A maiores

  • Erradicación de todas as especies catalogadas como invasoras –nomeadamente acácias–.
  • Reversión dos plantíos de eucalipto efectuados nos últimos 5 anos en terras agrarias e sustitución por frondosas autóctonas con fins produtivos.
  • Establecemento dun mínimo dun espazo natural protexido e libre de eucaliptos e espécies invasoras en cada parroquia galega, que funcione como reserva de bosque nativo, de xeito que se acade un mínimo dun 10% de superficie total protexida.
  • Incorporación á lexislación da figura de “masa forestal produtiva” para calquera repovoación forestal nova ou existente, implicando a súa declaración por parte do propietario e a catalogación como tal pola administración, coa obriga aparellada de coidados silvícolas e mantemento de faixas de protección e reservas (patrimoniais, núcleos rurais, ecolóxicas.., etc. A non declaración destas masas ou o incumprimento das obrigas asociadas á mesma poderá facultar á administración para a intervención.
  • Protección de todas as masas e rexeneracións naturais de frondosas autóctonas de máis de 1ha, coa limitación dun máximo de cortas do 10% da superficie cada 10 anos, suxeitas a un plan de explotación supervisado e autorizado pola administración.
  • Fomento da silvicultura de madeiras de calidade de frondosas autóctonas ou asimiladas, co obxectivo posto na diversificación produtiva e industrial e na criación de emprego.