As mesmas administracións que solicitan á poboación un esforzo para aforrar enerxía subvencionan espectáculos que supoñen unha inxente e innecesaria queima de combustíbeis fósiles
Espectáculos como o desta fin de semana pasado no IFEVI ou a proba de rallye programada para finais de mes en Vigo estarían prohibidos nunha sociedade concienciada coa contaminación e a seguridade viaria. Con todo seguen recibindo subvencións das administracións públicas.
É curioso como a Xunta e o concello de Vigo, que son incapaces de poñerse de acordo para abrir a nova Estación de buses de Urzáiz, si están de acordo en subvencionar un rallye. Subvención que no caso da Xunta é aínda máis esperpéntica porque é realizada a través de tres entidades: Xunta de Galicia, Xacobeo 21-22 e Deporte galego.
Entre as consecuencias negativas destes espectáculos, que non deportes, destacan dúas:
- a contaminación xerada pola celebración do evento
- a promoción de condutas incívicas ao volante
Contaminación xerada
Estes eventos supoñen a queima dunha inxente cantidade de combustíbeis fósiles, unha innecesaria emisión de gases de efecto invernadoiro e un enorme gasto de pneumáticos (unha das principais fontes das canceríxenas partículas PM2.5).
Transmitindo un pésimo exemplo nun contexto de crise climática e enerxética e que supón unha completa incoherencia co discurso de aforro que anuncian as administracións.
Promoción de condutas incívicas
Estes eventos caracterízanse pola práctica de condutas que están prohibidas na vía pública: excesos de velocidade, derrapes, escapes libres,…
Polo que non é de sorprender que despois se observen nas rúas da cidade coches e motos que incumpren sistematicamente as normas de tráfico.
Por poñer un dos innumerábeis exemplos que podemos atopar en Vigo, na Travesía de Vigo xa se tornaron habituais as motos co escape tuneado que xeran unha contaminación acústica enxordecedora ou os coches que adiantan pola dereita aproveitando o ciclocarril, unha vía prioritaria para bicicletas coa velocidade limitada a 30 km/h.
Actitude das administracións
As rúas da cidade non teñen porque ser contornos hostís pero os “amantes do motor” aproveitan a pasividade das autoridades para utilizalas como circuito improvisado.
A promoción dos medios de transporte máis sustentabeis e o obxectivo de “0 víctimas na estrada” esixen medidas que pacifiquen o tráfico, como a reducción da velocidade e a eliminación das condutas agresivas.
Un dos principais indicadores do grado de pacificación do tráfico nunha cidade é o número de cativos que se desprazan á escola en bici. En Vigo ese número é insignificante e non se debe ás pendentes nin á chuvia senon á excesiva violencia viaria que provoca que aos pais e nais nin lles pase pola cabeza permitir que os fillos vaian en bici á escola.
Estes feitos son reiterados e xa foron denunciados publicamente o pasado ano: Verdegaia denuncia que institucións públicas patrocinan actividades que promoven a Mudanza climática