En Vigo Ciclábel alegrámonos da recente proposta do Concello para estender o carril bici desde praza América ata o parque de Castrelos pero solicitamos que se teña en conta no deseño do trazado un factor decisivo para promover o uso da bicicleta na cidade: a pendente das rúas. Construír ese novo treito pasando por rúas como Ricardo Torres, unha das rúas con maior pendente en toda a cidade aboca este carril bici a ter unha utilización moi reducida.

Desde a creación do carril bici entre praza América e Teis xerouse un debate sobre a idoneidade do itinerario por Camelias–Venezuela: por un lado non crea un acceso á zona Centro e por outro lado supón pedalear por zonas de elevada pendente como os treitos Praza América-Praza Independencia, Gran Vía-Pizarro ou Travesía de Vigo.

Ambas as dúas incidencias teríanse evitado se o itinerario do carril bici desde praza América pasase por López Mora-Paseo de Alfonso-García Barbón, a través de rúas sen apenas pendente e que permitirían enlazar as Travesas con Sanjurjo Badía pasando polo centro da cidade.

O mesmo sucede co acceso ás praias, o carril 30 pola avenida Europa ten unha pendente que o fai inviable para a maioría das persoas ciclousuarias. Pouca xente, despois dun día de praia, está disposta a subir de Samil ata Coia por unha pendente de tal magnitude.

Como colectivo composto por persoas que utilizan a bici acotío e coñecedoras das rutas máis cómodas para circular en bici, consideramos que o acceso natural ás praias desde praza América debería ser pola avenida Florida, unha rúa que só ten unha pequena pendente na parte final e que enlaza co paseo do Lagares, permitindo desde aí un acceso cómodo ata ás praias e, no sentido contrario, ao parque de Castrelos.

No mapa adxunto obsérvanse as propostas de Vigo Ciclábel: ademais do acceso polo Lagares, a outra vía natural sen pendentes é por Bouzas e Alcabre. Deste modo, e combinando corredores ciclistas con ciclocarrís, conseguiriamos un acceso seguro e cómodo en bici aos principais areais da cidade.