Ante a constante avalancha de noticias sobre ataques de lobo ao gando e a afección que estes feitos supoñen para a economía gandeira en Galicia, a Asociación para a Conservación e Estudo do Lobo (ASCEL) e Verdegaia queren realizar as súas achegas baseadas en datos reais e obxectivos, afastados do alarmismo e da polémica.
Os ataques de lobo aféctanlle a menos do 0,092% do gando galego. Cada ano solicítase unha media de 420 expedientes por danos de lobo, dos que o 75% se consideran como dano real. Se temos en conta que o número de reses perdidas ascende a 1.300 sobre máis de 1.600.000 que viven na comunidade galega e que posuímos o 30% da poboación lobuna ibérica, con aproximadamente uns 300-500 exemplares, chegamos á conclusión de que a polémica social creada arredor dos danos que xera a especie é moi desproporcionada respecto a súa afección real. Un dos principais problemas derivados da coexistencia é a tardanza no pagamento das indemnizacións por parte da administración, factor totalmente alleo á presenza da especie, pero que prexudica seriamente a súa conservación e tolerancia e propicia unha repercusión desmesurada nos medios.
Para comparar con outras causas de mortalidade do gando, a lingua azul foi responsable en tan só tres meses da morte de gando equivalente ás baixas causadas polo lobo en medio ano e xerou perdas económicas moito máis cuantiosas, ás que lles hai que sumar os gastos asociados á vacinación de gran parte da cabaña gandeira.
En Asturies, segundo os informes oficiais do Principado, o lobo afectoulle a menos do 1% do número total de cabezas e a menos do 5% das explotacions, sen entrar a considerar se se tratan de gandeiros a título principal ou non. Isto é de suma importancia en canto á dedicación de vixilancia e de coidado do gando. Así, pódese criticar a postura do edil nacionalista de Rodeiro que, segundo as súas recentes declaracions na prensa, pretende manter unha explotación en extensivo e alternar esta tarefa coas súas funcions políticas sen preocuparse da presenza do lobo.
O lobo leva convivindo milleiros de anos co ser humano. Para que esta situación se manteña, é necesario un consenso entre os sectores implicados. Si é certo que o retraso no pagamento das indemnizacions pode enmascarar a problemática real que supón a presenza do lobo. Insistimos en que baseándonos nos datos anteriores, está claramente sobredimensionada.