A Rede Social Galicia Sur -á que pertence Verdegaia- convoca hoxe un acto de rúa para sensibilizar á cidadanía viguesa ante a situación de máis de 300  persoas que viven sen teito e que pasarán un inverno máis na rúa.

Coa proximidade das festas do Nadal, a Rede Social Galicia Sur (plataforma que aglutina a máis de 20 organizacións de Vigo e comarca que traballan tanto nos países do Sur como en Galicia pola xustiza social e por acadar un mundo máis xusto, equitativo e sostible para toda a cidadanía) quere chamar a atención unha vez máis sobre a situación de moitas persoas en Vigo que pasarán o inverno, un inverno máis, na rúa.

Por iso, a Rede Social Galicia Sur convoca o xoves 18 de decembro entre as 18:30 e 20:30 horas un acto de rúa, consistente na sensibilización á cidadanía mediante o reparto dunha postal e un chocolate quente  na Praza do Emigrante (ao comezo da Avda. de Castelao, na Praza de América)  para chamar a atención e provocar a reflexión da cidadanía viguesa fronte os seguintes feitos:

– En Vigo hai preto de 300 persoas que están na rúa, que teñen dificultades para acceder ao dereito a unha vivenda digna e adecuada como primeiro paso para tecer vínculos e redes sociais positivas e camiñar na recuperación da identidade e dignidade persoal.

– Os poucos recursos que existen na nosa cidade para atender a este colectivo son de carácter privado e non alcanzan a atender a demanda existente, e non hai recursos públicos que dean resposta ás necesidades reais e urxentes deste colectivo na cidade de Vigo

Por isto esiximos:

–    o cumprimento, nos prazos indicados pola Vicepresidencia de Xunta, da promesa sobre a posta en marcha dun Centro de Emerxencia Social e Albergue público en Vigo, que poida prestar servizos que cubran as necesidades tanto de teito e subsistencia como de acollida e creación dun espazo de participación das persoas sen fogar na sociedade e na vida comunitaria, co apoio dos distintos axentes sociais, para traballar a reconstrución psicosocial, a autonomía persoal e a adquisición de hábitos sociais.

–    dar resposta á necesidade das persoas que viven na rúa habilitando un espazo para pernoctar, mentres o citado centro non estea en marcha, que as protexa do frío e das inclemencias meteorolóxicas do inverno.

Por un Albergue e Centro de Emerxencia Social público para Vigo XA!

As organizacións que formamos parte da Rede Social Galicia Sur e que apoiamos esta acción somos: Amarante, Aida, Axuda en Acción, Cáritas Diocesana de Tui-Vigo, Comité Oscar Romero, Dar Máis, Educación Sen Fronteiras, Emaús Fundación Social, Entreculturas, Enxeñería Sen Fronteiras, Fundación Balms, Fundación Proclade, Fundación Secretariado Xitano, Grupo VIH/SIDA e adiccións “O Imán”- Sereos, Implicad@s no desenvolvemento, Intermón Oxfam, Médicos do Mundo, MunDos Cooperativa de Comercio Xusto, Seminario Galego de Educación para a Paz, Solidariedade Internacional, Solidarios para o Desenvolvemento, Taller de Solidariedade e Verdegaia.