pombas.pngComeza a Campaña para a Declaración da Renda 2006, e con ela a de Obxección Fiscal aos Gastos Militares. Máis unha vez, debemos lembrar as palabras de Henry David Thoreau: “Non sería unha medida violenta e sanguenta que 1.000 homes se negasen a pagar os seus impostos este ano, pero si o sería pagalos e capacitar así ao Estado para cometer actos violentos e derramar sangue inocente”.

Os Orzamentos Xerais do Estado recollen para este ano un gasto militar superior aos 21.000 millóns € (un 12% máis que para 2005), o que supón dedicar uns 58 millóns € diarios, ou o que é o mesmo, uns 450 € por persoa. O gasto destinado a I+D militar continúa, do mesmo modo, a aumentar: para 2006 os gastos en investigación e desenvolvimento con fins militares medran un 27% situándose en 1.683’89 millóns €, o 26% de todos os fundos para I+D en 2006 (se ben a cantidade podería ser maior, chegando ao 30%, dado o costume que os gobernos españois teñen de camuflar os gastos militares noutras partidas orzamentares). O español é o Estado da UE que maior percentaxe do seu PIB dedica a I+D militar, e, entre os países desenvolvidos, só é superado polos EUA.

Sentenza favorábel á Obxección Fiscal

O Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña ven de dictar unha sentenza favorábel á Obxección Fiscal aos Gastos Militares. A sentenza deixou sen efeito a sanción de 54.896 pesetas imposta ao ex-deputado do Parlamento de Cataluña Joan Surroca i Sens por ter realizado a Obxección Fiscal (OF) no exercizo de 1998. A OF no é unha fraude a Facenda, xa que quen obxecta non deixa de pagar os seus impostos, senon que desvía unha parte destes a unha entidade sen ánimo de lucro, a fins sociais. O TSXC entende que a obxección practicada resposta a unha lagoa interpretativa ou a unha interpretación razonábel, polo que non procede a imposición de sancións.

Só 14 deputad@s apoian a Obxección Fiscal no Congreso

O pasado 28 de Marzo discutiuse no Congreso dos Deputados unha proposición de lei para regular a Obxección Fiscal aos Gastos Militares. A proposta de ERC recebeu o apoio de 14 deputad@s: deste grupo, de Izquierda Verde (ICV-EUiA e IU) e do Grupo Mixto (salvo @s deputad@s do BNG, que se abstiveron), o resto do Congreso votou na contra. A proposición de lei plantexaba a posibilidade de que na declaración da renda haxa unha casa onde poder escoller se se quere dedicar diñeiro aos gastos militares ou a un Fundo de Paz e Solidariedade.

 

Máis información:

Coordenadora Galega pola Obxección Fiscal
Fundació per la Pau
No a la Investigación Militar