visonA solta de visóns realizada esta fin de semana representa unha grave ameaza para, anfibios, réptiles e aves. Máis tamén a industria peleteira é un exemplo de crueldade imperdoábel e innecesaria coa única finalidade de subministrar obxectos superfluos e elitistas. Unha vez máis, demóstrase que a irresponsabilidade ambiental de determinados colectivos e a existencia dunha industria baseada na crueldade animal e sen ningún tipo de control conforman un cóctel explosivo con fondas consecuencias para o entorno.

A introducción accidental ou deliberada de especies alóctonas comporta grandes impactos para a fauna autóctona e o funcionamento normal dos ecosistemas. O Visón americano (Mustela vison) é unha especia alóctona, depredadora xeralista e oportunista, cunha grande capacidade de colonización. Arredor do 70% dos visóns liberados das granxas morren de fame, máis os que logran sobrevivir instálanse rapidamente no territorio, preferentemente no entorno de masas de auga: ríos, regatos, encoros, marismas, etc.

Unha vez asentados no territorio, depredan sobre un amplo abano de especies, moitas delas en perigo de extinción, como pode ser o rato de amizcre ou desmán (Galemys pyrenaicus), en perigo de extinción segundo a UICN , insectos acuáticos, peixes etc. e desprazando a outras especies de mustélidos autóctonos como a lontra (Lutra lutra), coa que compite.

A propagación do visón americano vén dada tamén polas fugas individuais de exemplares das granxas, froito da inexistencia de mínimas medidas de seguridad. As instalacións das granxas presentan deficiencias neste senso que non están a ser controladas polas administracións. Unha instalación deste tipo é un “perigo biolóxico” e adoptar medidas para minimizar este risco cun control estrito por parte das administracións preséntase como imprescindíbel.

Galiza ten instaladas no seu territorio o 80% das granxas de visón do estado, onde se masacran anualmente máis de 290.000 visóns para fornecer de peles a estulticia dunha minoría

Verdegaia quere reiterar o seu rexeitamento máis absoluto á cría de especies animais en condicións aberrantes, como é o caso dos visóns americanos, coa única finalidade de lles arrincar a pel para a confección de abrigos destinados ao orrnamento, pero a súa liberación directa nunca pode ser a solución a esta práctica. Só adoptando unha liña de actuación que prohiba a existencia destas fábricas de tortura, xunto cunha xestión ambientalmente axeitada dos exemplares vivos en catividade e exercendo opcións de consumo responsábel poderemos erradicar dunha vez este problema.