O Valedor do Pobo abriu unha investigación sobre os incendios forestais deste ano despois de aceptar unha solicitude formulada por Verdegaia. A asociación ecoloxista demandou ao Valedor a apertura dunha investigación sobre os lumes acontecidos no que levamos de 2006 e a resposta fronte a eles, en materia de prevención, extinción e investigación, tanto da Xunta como dos Concellos.

Nun escrito con data do 15 de setembro, o Valedor comunicou a Verdegaia a admisión do seu escrito de queixa e o inicio das actuacións oportunas perante a Consellería do Medio Rural da Xunta. Verdegaia agarda que a intervención do Valedor contribúa a aclarar a actuación fronte aos lumes de Xunta e de Concellos, especialmente durante os 12 días de agosto nos que ardeu o 3,81% da superficie de monte do país, fronte a unha media anual do 1,4% no período 1994-2003.