O pasado sábado 26 de decembro, un mes máis, as asociacións que formamos Vigotroca acudimos á nosa cita con todos os troqueiros de Vigo no barrio do Calvario. Levabamos dous meses con certas dificultades provocadas polo mal tempo: en outubro tivemos que celebrar o mercadiño no Centro Social A Cultural por causa da choiva e en novembro, aínda que as previsións eran malas, arriscámonos… e tivemos que saír correndo cando as nubes (evidentemente aliadas coa máis dura economía de mercado, todo hai que dicilo), deixaron caer ata a última pinga da súa filosofía consumista sobre as nosas cabezas.
Así pois, chegamos a decembro con dúbidas (meteorolóxicas e das outras) e ganas de que todo saíse ben. Pero, unha vez máis, os troqueiros de Vigo foron fieis á cita e tivemos ocasión de vivir unha das xornadas máis animadas e concorridas ata a data: unha festa do troco e a cesión, con numerosos intercambios e gran participación. En resumo: un deses días que invitan a seguir esforzándose por difundir unha forma de vida máis solidaria e comprometida.
Desde Vigotroca, queremos agradecer a todos o voso apoio e colaboración. E recordarvos que cada último sábado de mes seguimos no mercadiño de troco e cesión da rúa Urzáiz. E, a partir de xaneiro, se chove, atoparédesnos no segundo andar do mercado do Calvario, cuxa xerencia cedeunos o uso dun espazo.
O resto do mes, apuntádevos ao troco na nosa web de intercambio: http://vigotroca.arkipelagos.net/