A xuízo de Verdegaia, do mapa que vén de facer público a Organización Mundial da Saúde (OMS) sobre a calidade do aire no mundo non se pode concluír que a calidade do aire en Santiago sexa satisfactoria. Aínda que, segundo este estudo, a contaminación por partículas inferiores a 10 micras (PM10) foi a menor durante 2008 entre as 28 cidades españolas analisadas e non superou o valor recomendado pola OMS, unha análise máis ampla pon en evidencia a deterioración da calidade do aire en Santiago, nomeadamente nas rúas con máis tráfego e na contorna da fábrica de FINSA.
Se observamos os datos oficiais para a concentración media anual de partículas, tanto PM10 como inferiores a 2,5 micras (PM2,5) (as máis nocivas para a saúde humana), obtidos nas catro estacións de control da contaminación situadas no concello de Santiago (ver táboas 1 e 2), comprobamos como no casco urbano se superaron os valores recomendados pola OMS para PM10 durante 2007 e, nunha estación, tamén en 2009. Nas dúas estacións próximas á fábrica de FINSA en Formarís a contaminación por PM10 supera todos os anos o nível máximo recomendado pola OMS. Canto ás PM2,5, que só se miden na estación de San Caetano desde 2009, o valor recomendado pola OMS foi superado durante 2009.
Todo fai supor que nas rúas do Ensanche a calidade do aire é moi mala se tomamos como referencia as recomendacións da OMS. Para ocultar esta realidade, a Xunta, cos parabéns do Concello, eliminou a finais de 2007 a única estación de medición da contaminación situada no Ensanche, na que en 2007 (único ano en que se mediu) se rexistrou un valor medio da concentración anual de PM10 moi superior ao recomendado pola OMS. Na estación que se situaba na Praza de Vigo non só se mediron valores altos de PM10 senón tamén doutro importante contaminante atmosférico, o dióxido de nitróxeno (NO2). Durante 2005 a concentración media anual de NO2 foi de 62 microgramos por metro cúbico, μg/m3 , moi superior ao máximo legal en vigor desde 2010 (40 μg/m3).
Ademais dos anteriores, hai outro importante contaminante do aire, o ozono troposférico(O3), que ofrece datos preocupantes en Santiago. Durante 2009, único ano no que a Xunta forneceu información que o permite avaliar, foi superado nunha estación de control da contaminación do casco urbano, e igualado noutra, o número de superacións da máxima media octohoraria de ozono (O3) recomendada pola OMS (ver táboa 3). Mais non só se superan as recomendacións da OMS para a contaminación por O3, máis esixentes que os valores límite legais, senón que tamén se teñen superado os limiares de información á poboación estabelecidos pola lexislación para advertir de episodios de contaminación alta por este contaminante. En 2010 superáronse en dúas ocasións, sen que a poboación se decatase diso, pois a Xunta limítase a colgar unha nota na súa web sobre calidade do aire.
Perante a pasividade de Xunta e de Concello, a chuvia e o vento son os únicos medios eficaces de loita contra a contaminación atmosférica en Compostela. De non ser polo tempo, a calidade do aire sería previsiblemente ben peor, dado o intenso tráfego de automóbiles que soporta o conxunto da cidade e especialmente algunhas rúas. O uso excesivo do coche é, sen dúbida, a principal causa de degradación ambiental na cidade, e non só pola contaminación atmosférica, senón tamén polas emisións de gases que contribúen ao cambio climático, o ruído, a invasión masiva do espazo público ou a sensación de inseguridade que xera, sobre todo para persoas maiores e nenos e nenas.
Á contaminación xerada polo tráfego hai que engadir a debida a FINSA, á que as Administracións lle deberían esixir que rebaixase as súas emisións contaminantes á atmosfera.
Táboa 1 Valores medios da concentración anual (en microgramos/metro cúbico, μg/m3) de PM10 nas estacións de control da calidade do aire ubicadas no municipio de Santiago
Os valores que superan o limiar máximo recomendado pola OMS (20 μg/m3) aparecen salientados en vermello.
Estación |
Tipo |
2006 |
2007 |
2008 |
2009 |
2010 |
Praza de * Vigo |
De tráfego |
Sen datos |
33 |
|
|
|
Campus Sur** |
Fondo en área urbana |
|
22 |
15 |
14 |
15,6 |
San Caetano*** |
De tráfego |
|
|
12 |
21,2 |
7,5 |
Bar García (FINSA) |
Industrial |
54 |
Sen datos |
Sen datos |
27,8 |
28,8 |
Campo de fútbol (FINSA) |
Industrial |
42 |
Sen datos |
Sen datos |
22,6 |
21,7 |
Os valores de PM10 só se miden desde 2007.
* Trasladada ao Campus Sur en 2007.
** Comezou a funcionar en 2007.
*** Comezou a funcionar en 2008
Táboa 2. Valores medios da concentración anual (en microgramos/metro cúbico, μg/m3) de PM2,5 na estación de San Caetano.
Os valores que superan o limiar máximo recomendado pola OMS (20 μg/m3), destácanse en vermello.
Estación |
2009 |
2010 |
San Caetano |
13,4 |
6,3 |
A concentración deste contaminante só se mide na estación de San Caetano desde 2009.
Táboa 3
Superacións do valor da máxima media octohoraria de ozono (O3) recomendada pola OMS durante 2009
A OMS recomenda que non se supere máis de 25 veces nun ano a máxima media octohoraria de 100 μg/m3
Estacións |
Superacións |
Campus Sur |
25 |
San Caetano |
29 |