Sabe que os autobuses urbanos de Compostela non apagan o motor a pesares de estar estacionados por enriba dos 15 minutos?
En Verdegaia estamos preocupados pola calidade do ar no espazo urbano de Santiago e as emisións de gases con efecto estufa.
É sabido que nos últimos meses os cidadáns respiramos ar con altos índices de monóxido de carbono e outros gases, así como tamén partículas en suspensión que en moitos días superaron os valores recomendados pola OMS. O que se relaciona de forma directa con afeccións respiratorias e cardiovasculares.
De feito, un 65 por cen do monóxido de carbono nas cidades proceden do trafico rodado. Aínda que non semella un feito preocupante o certo é que a contaminación do ar causa 16.000 mortes prematuras ao ano en España. É dicir; morren case 3 veces máis persoas que polos accidentes de trafico e case 100 veces máis que por accidentes laborais.
Grande parte das medidas que se están a levar a cabo noutras comunidades para garantir o Plano de Calidade do Ar 2011-2015 refírense a mobilidade, tentando reducir as emisións entre un 16 e un 22 por cento con respecto ao 2009. Entre as medidas a tomar están a redución do tránsito nas cidades , apostar polo trasporte colectivo, a pé ou bicicleta.
En concellos como Madrid vaise a modificar a Ordenanza de Mobilidade que prohibirá a partir de agora que calquer vehículo aparcado manteña o motor aceso, aínda que o condutor permaneza no seu interior. A recadación que se xere das multas destinarase a custear outras iniciativas como a promoción do uso da bicicleta.
Lonxe estamos destas iniciativas en Compostela, onde os autobuses urbanos permanecen estacionados e prendidos en ocasións tempos superiores aos 15 minutos e os condutores particulares permanecen en ralentí durante longos períodos, como se pode ver diante de escolas e supermercados.
O concello lémbranos a calidade e a eficiencia das redes de transporte colectivo e a baixada dos prezos do autobús como medida de control da contaminación, sen embargo ese mesmo transporte non colabora na redución de emisións.
Demandamos do Concello un maior compromiso ca cidadanía para mellorar a calidade do ar na cidade a través dunha redución do tránsito, apostar por un trasporte colectivo de calidade, polo uso da bicicleta e finalmente por potenciar os espazos verdes.