Segundo os datos para Galicia do Inventario de Emisións do Ministerio de Meplaneta_esmagado.jpgdio Ambiente (MMA), as emisións de gases causantes do cambio climático do transporte por estrada medraron o 81 % entre 1990 –ano base do Protocolo de Quioto- e 2004. A estrada supón a maior parte das emisións do sector do transporte, responsable no seu conxunto do 18 % da contribución galega ao cambio climático. Verdegaia propón iniciar unha reconversión ecolóxica do transporte.

De acordo cos datos fornecidos pola Secretaría Xeral para a Prevención da Contaminación e do Cambio Climático do MMA, o aumento das emisións de dióxido de carbono (CO2) e doutros gases de efecto invernadoiro (GEI) procedentes do conxunto do sector do transporte en Galicia foi do 55% no período 1990-2004. Este aumento é moi superior ao do conxunto dos países industrializados membros da Convención da ONU sobre Cambio Climático (24%) e, en particular, ao da UE-15 (26%).

Resulta especialmente lamentable que o 37% do total das emisións de GEI do transporte por estrada na nosa terra teñan lugar baixo “pautas de condución urbana”, malia ser no medio urbano onde menos difícil sería reducir as emisións con novas políticas territoriais e de transporte que freasen a dispersión urbanística e atacasen o uso abusivo do coche. Ademais, é no ámbito urbano onde máis preocupantes son as consecuencias de contaminantes atmosféricos emitidos polos vehículos que non provocan cambio climático mais que son prexudiciais para a saúde e o ambiente (partículas, monóxido de carbono, óxidos de nitróxeno,…).

O aumento desbocado da contribución ao cambio climático do sector do transporte na nosa terra é o resultado de políticas territoriais, de infraestruturas e de transporte profundamente insustentables. Verdegaia propón que as Administracións galegas promovan o inicio dunha reconversión ecolóxica do transporte no marco dunha Estratexia de Desenvolvemento Sustentable. Os piares desta mudanza serían a xestión da demanda, é dicir, a redución das necesidades de desprazamento (o que pode ser conseguido a través dun adecuado ordenamento do territorio), e a inversión na xerarquía dos modos de transporte, colocando o coche e o camión en derradeiro lugar, xustamente o contrario do que acontece hoxe. Para iso, é preciso, entre outras cousas, restrinxir fortemente o uso do coche no medio urbano, potenciar os modos de transporte máis eficientes no uso da enerxía e menos contaminantes (como a bicicleta e o ferrocarril), investir menos en estradas ou implantar planos de transporte para todas as empresas de máis de 200 traballadores/as e nos principais polígonos industriais.

Máis información:

Verdegaia presenta propostas para unha Estratexia de Desenvolvemento Sustentable

Área de transporte de Verdegaia