No ano 2000, o Concello de Oia, gobernado polo PP con maioría absoluta, outorgou licenza para a construción en solo rústico de protección ordinaria, cunha distancia de apenas 100 metros do mar, xunto a cabo Silleiro, desta instalación hoteleira. No 2003 abriu as súas portas pero en 2009 os tribunais anularon aquela licenza municipal, amparada nunha recalificación previa que o Concello non chegara a publicar en ningún diario oficial e que polo tanto non entrara en vigor.

En 2012 a xustiza ordenou a demolición do edificio e nese momento, o goberno local de Oia, novamente en mans dunha maioría absoluta do PP, quixo legalizar a obra para evitar o seu derrubo esgrimindo que o Talaso era de grande interés para o municipio e ademais así tentaba evitar que o Concello tivese que pagar o custe pola demolición, Porque, en caso de derrubarse, o municipio tería que indemnizar con varios millóns aos propietarios que o levantaron amparados nunha licenza municipal que nin se publicou, nin era legal e que máis tarde sería sentenciada ilegal. Queremos salientarr que foi edificado conforme a unha licenza inexistente porque nunca foi publicada e ademais sen o amparo do permiso inicial porque superou a altura permitida.

En 2013 o TSXG desestima o recurso de apelación posto polo Talaso contra a sentenza de orde de derribo posta polo xulgado de Pontevedra en 2012. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ordea definitivamente a demolición , explicando que as licenzas municipais foran anuladas no 2009 porque o Concello baseárase para outorgar licenza nunha ordenanza que non tiña sido aprobada.

No ano 2012 a Asociación Ecoloxista VERDEGAIA presentou denuncia ante Augas de Galicia contra BALNEARIO DEL ATLÁNTICO S.L por vertidos continuados no litoral de Oia e por carecer de licenza de actividade e por ende, coa preceptiva autorización de incidencia ambiental, vulnerando unha vez máis o Decreto sobre a avaliación de incidencia ambiental a utorización de vertido. Esa licenza estaba condicionada a unha serie de requisitos que foron amplamente infrinxidos pola sociedade empresarial. Entre os incumprimentos salientamos naquela altura a falta de tratamento de depuración das augas fecais, que superaban os valores límites de contaminación da autorización; a non coincidencia entre o punto autorizado de vertido (mar adentro) e o punto real de vertedura (no litoral visible), cunha diferenza de máis de 400 m entre un punto e outro; a non garantía da boa calidade da auga mariña receptora do vertido; e o claro dano ambiental provocado na zona pola continuidade dos vertidos contaminantes.

Informamos tamén que entre o punto onde se verten as augas residuais e o punto onde se capta a auga mariña para usos de talasoterapia había unha distancia de apenas 180 metros, o que, tendo en conta a mala calidade das augas vertidas polo Hotel e o incumprimento dos 2 m de profundidade aos que se debería captar a auga do mar, non semellaba unha distancia prudencial de captación, tan perto dun foco contaminante.

Incluímos na denuncia, o quebrantamento da normativa ambiental en materia de augas que supoñen os vertidos, ao non respectar os obxectivos de calidade das aguas das Rías, recollidos na Lei de Augas de Galicia; nin se respectan os parámetros fixados no decreto de calidade das augas e da produción de moluscos e outros invertebrados mariños vivos, dado que o banco marisqueiro que existía na zona de vertido, aproveitado historicamente pola Confraría de Mariñeiros, quedou altamente afectado por mor dos vertidos continuados do Balneario.

Nestes anos o hotel, ilegal, recibiu diversas axudas públicas da Xunta e do Estado ao tempo que outras administracións lle abrían expedientes non só pola ilegalidade senón por seguir facendo obras posteriores e por verteduras ao mar e a captación de auga de mar para as súas piscinas de talasoterapia.

No ano 2020, tras a aprobación da nova Lei de Solo, o Concello tentou legalizalo mediante a aprobación de un plan especial de infraestruturas que lle dera cobertura legal, pero os propios técnicos do Concello viron que non era viable nin legal e entón o Concello gastou máis de 10.000€ en contratar un despacho técnico externo para redactar un plan de infraestruturas que legalizase ese edificio. Un plan especial que segundo a lexislación actual é irrealizable.

Este 16 de marzo de 2026, O Concello de Oia recibiu a notificación de que a xustiza daba un prazo de 10 días para iniciar o derrubo do Talaso. Ante esta situación o Concello decidiu presentar recurso de reposición para dar tempo a finalizar a tramitación dese plan especial de Infraestruturas e Dotacións PEID),que estaba tramitando o Concello para asegurar o encaixe legal da construcción e evitar o derrubo total.

Esta historia, que comezou no ano 2000 coa concesión dunha licenza ilegal e a súa posterior construción en 2003 e ilegalización no 2009, non ten trazas de que remate. A día de hoxe, no ano 2026 o Talaso segue en pé e a legalidade sen cumprir. Os custes da demolición poden pesar sobre todos e todas as viciñas de Oia e os responsables do Concello naquela altura, non serán responsabilizados de nada, nin economicamente, nin xuridicamente. Mentres non se tomen medidas contra a impunidade dos políticos de turno, estas cousas seguirán pasando.