arton14859-547b4.jpgA Cámara Alta aprobou, dentro da Lei de Economía Sustentable, que as centrais nucleares funcionen máis alá dos 40 anos, o tempo para o que foron deseñadas. A proposta, de CIU e PNV, foi apoiada por PP e PSOE, partido político, este último, que renuncia así a fixar un calendario de peche incumprindo de xeito determinante as súas promesas electorais.

O lobby nuclear conseguiu o seu grande obxectivo a curto prazo: alongar a vida das centrais nucleares. Dende hai varios anos, a súa ofensiva mediática foi encamiñada a manter o gran negocio que supón producir electricidade en centrais xa amortizadas hai anos. Os beneficios dos titulares das centrais nucleares son astronómicos: unha central de 1.000 MW factura un millón de euros diarios.

Outra cousa diferente son as consecuencias que pode ter esa decisión: Unhas instalacións vellas, en mans de empresas que priorizan o beneficio económico a calquera outra cuestión. Os problemas das centrais nucleares españolas compróbanse co aumento, ano tras ano, do número de sucesos notificables e de paradas non programadas. Canto ao desprezo pola seguridade na procura beneficio económico, o mellor exemplo está na central de Ascó, que segue utilizando os mesmos criterios de funcionamento que provocaron a fuga de partículas hai tres anos. Por esta fuga o fiscal pediu recentemente cárcere para dous directivos e o inspector residente do Consello de Seguridade Nuclear.

Un caso especial é a central de Santa María de Garoña, en Burgos, construída antes das catástrofes de Harrisbourg e Chernobyl, e que polo tanto non reúne as condicións de seguridade necesarias para seguir funcionando. A súa deterioración en xeral, especialmente do barrilete que mantén a estrutura interna do reactor e das penetracións das barras de control (principal elemento de seguridade da central), aconsellan o seu peche inmediato. Outro elemento fundamental de perigo son as conducións comúns do cableado, que foi unha das causas do accidente de Vandellós I, que provocou o seu peche en 1989.

Pero alongar a vida das nucleares ten outros problemas, como é seguir acumulando residuos radiactivos de alta actividade, moi perigosos, cuxa solución segue sen encontrarse. Mentres tanto, séguense acumulando nas piscinas de todas as centrais nucleares do mundo, incluídas as españolas.

Barreira para as renovables

Noutra orde de cousas, a inflexibilidade das centrais nucleares españolas é o principal impedimento, para inserir na rede a electricidade procedente das enerxías renovables. En momentos nos que hai vento abundante e baixa demanda é necesario parar os aeroxeradores para non sobrecargar a rede. Outras centrais, como as de gas ou as hidroeléctricas, poden regular a súa potencia en función das necesidades da rede. As nucleares, non. Iso provocou en 2010 a parada dos aeroxeradores en trece ocasións.

Para a confederación estatal Ecoloxistas en Acción, a aprobación da Lei nestas condicións demostra o divorcio no tema nuclear entre os partidos políticos e os propios cidadáns aos que representan, pois está demostrado que a inmensa maioría dos españois se opoñen á utilización deste tipo de enerxía. Para os ecoloxistas segue sendo imprescindible un calendario de peche, antes mesmo dos 40 anos de vida para as que as centrais foron deseñadas.

Noticia relacionada:

Rexeitamento unánime do movemento ecoloxista á viraxe pronuclear do Goberno español