O pleno do Parlamento Europeo votou nesta semana unha nova lexislación REACH (Rexistro, Avaliación, Autorización e Restrición de sustancias químicas) que, aínda que contén algunhas melloras, está moi lonxe de ser un regulamento que asegure protección fronte ás sustancias químicas perigosas, segundo Ecologistas en Acción, Greenpeace e WWF/Adena.

A lexislación, cuxo obxectivo era substituír arredor de 40 normativas existentes, só constitúe un pequeno paso cara a un modelo innovador de xestión de sustancias químicas. Entre as medidas adoptadas encóntranse as seguintes:

-As empresas deberán achegar datos (a respecto dos impactos sobre a saúde e o ambiente) das sustancias químicas que importen ou produzan en grandes cantidades.

-A nova lexislación contén un mecanismo que obriga a substituír as sustancias químicas persistentes e bioacumulativas sempre e cando existan alternativas máis seguras.

-A cidadanía ten o dereito de solicitar información sobre a presenza de determinadas sustancias químicas perniciosas en artigos de consumo (anteriormente as industrias químicas podían pór no mercado calquera sustancia química sen suministrar información sobre o seu impacto sanitario e ambiental; alén diso, as sustancias químicas perigosas só se prohibían despois de que saíse á luz un escándalo sobre a súa alta toxicidade.)

Porén, dentro desta nova lexislación, existen aínda vacíos legais que permiten o uso continuado dun grande número de sustancias químicas de alto risco, entre as que se achan a maioría das que causan cancro, defectos no nacemento e outras doenzas importantes.

A lexislación aprobada fai importantes concesións á industria química. As compañías químicas non terán que achegar datos significativos de seguridade se producen e importan sustancias químicas por debaixo de 10 toneladas ao ano. Por outra banda, moitas sustancias químicas “extremadamente preocupantes” quedarán autorizadas no mercado se os produtores afirman que a exposición ás mesmas pode ser “controlada adecuadamente”. Este enfoque non garante a protección, pois non estamos expostos só a unha sustancia química, senón a un cóctel de sustancias que poden ter un efecto combinado que se descoñece.

As concesións á industria e os vacíos legais debilitan o regulamento REACH. Por exemplo, deixa en mans da industria a posibilidade de ignorar unha alternativa máis segura ás sustancias existentes. A nova Axencia Química europea, ubicada en Helsinki, deberá seguir de perto a lexislación para asegurar os seus aspectos positivos.

Para saberes máis:

Campaña sobre químicos de Ecologistas en Acción

Web sobre REACH de WWF