- A Plataforma veciñal mina Touro O Pino NON presentará alegacións ao proxecto de reapertura da mina de cobre en Touro
- A mina de Touro non ten licenza social, só paga patrocinios e publicidade cousa ben distinta
En xuño soubemos que, despois de catro anos da denegación do proxecto de reapertura da mina, a empresa Cobre San Rafal e a Consellaría de Economía e Industria levaban desde xaneiro deste ano axustando os informes precisos para converter o proxecto denegado en 2020 nun chamado “novo proxecto” que permitira a sua declaración como proxecto industrial estratéxico (PIE).
Un PIE, esa fórmula que lle permite a calquera “bendecido” pola graza de Industria, que teña “barra libre” para facerse con terras, que non lle pertencen, onde queira e para o que queira, aínda que sexa totalmente incompatíbel coa vida da xente, cos seus medios de vida, coa saúde, coa protección do medio ambiente, coa lexislación urbanística e un longo etc., e conte ademais con prioridade absoluta para a obtención de subvencións públicas sobre outras actividades con maior necesidade e asentadas no territorio.
Un todo vale.
Este chamado “novo” proxecto afecta a máis de 1.700 terrenos de Touro e O Pino até acadar as máis de 800 hectáreas que quere ocupar; pero non é nada novo.
Continúa sendo unha mina a ceo aberto para a extracción de cobre nas mesmas terras e coas mesmas distancias; que requerirá grandes cantidades de auga, que precisará ter grandes balsas de residuos cun risco de rotura alta a 200 metros das vivendas; que levará adiante actividades que danarán a calidade do aire con voaduras diarias; con graves danos do solo e da auga superficial e subterránea; que seguirá sendo unha actividade que prexudicará a calidade de vida e impedirá a permanencia, mantemento e instalación doutras industrias incompatíbeis co seu monopolio como son as agrarias, agroalimentarias, gandeiras, forestais, turísticas que son a nosa base industrial actual; non xerará emprego xa que se alimentará sobre todo con subcontratas das súas empresas asociadas e vinculadas, coas que xa se subministra, aínda que lle queiran chamar creación de emprego, eses postos xa existen e xa teñen nomes; tampouco beneficiará a maior industria coa que conta o Concello do Pino, que é o Camiño de Santiago na súa ruta máis concurrida a do Camiño Francés, que elexirán outras rutas máis atractivas para o seu camiño a Santiago en lugar desta; O río Ulla, a nosa maior riqueza natural, tan maltratado como está e como o queren convertir, coa pasteira de Altri e a mina será a súa sentenza de morte, por moita boia que teñan en Carril decindo que a auga alí sae moi boa, obviando incluso, na súa ousadía, o que di o Plan hidrolóxico Galicia Costa na sua derradeira revisión.
Un todo vale, e minte, minte que algo queda.
O xogo continuo cos recursos hídricos, sen importarlles en absoluto a situación de restriccións que xa se vive desde hai anos, e no que agora xa piden o traspaso da captación da auga do río Lañas, da que disfruta Explotaciones Gallegas para os usos industriais de todo o seu grupo desde hai máis de 30 anos, que lle foi traspasada coa compra dos terrenos da mina por Rio Tinto, agora tamén van facer uso dela para a mina e pasala a titularidade deiCobre San Rafael, a pesar de ser excedentarios de auga das balsas que piden verter, eso si, auga mala, que din que tratarán nunha depuradora e volverán ao río Pucheiras que leva eses mesmos anos sen flora nin fauna, a isto chámanlle accións sociais.
Cal será a seguinte acción social? Comprar auga mineral para repartir na feira desde a furgoneta de recoller curriculums e sacar fotos dicindo que cumpren coas demandas da sociedade?
Un todo vale.
Teríamos unha longa exposición para este proxecto repetido, denegado.
Nos 30 días hábiles que se nos dá de prazo en información pública, demostraremos unha vez máis que non teñen a licenza social; a licenza social non se pode comprar.
Tamén aportaremos informes e demostraremos que este proxecto é o mesmo que o denegado e por tanto non poderá ser aprobado, como xa non o foi antes.
Volvemos a apelar á cidadanía e todos os colectivos que nos apoiaron, que se manifestaron contra a reapertura da mina, todas esas persoas que sempre nos seguiron e seguen estando contra a reapertura da mina en Touro e O Pino, que entre todas volveremos conseguir que se denegue.
Quen nos queira axudar aportando alegacións e informes pode poñerse en contacto a través do correo electrónico minatouroopinonon@gmail.com, quen queira presentar alegacións pode seguirnos en redes onde iremos aportando distintos modelos para presentar ou escribídenos e farémosvoslas chegar.
Porque todo, non vale
Asina a campaña de You Move Europe contra a reapertura da mina!
Vídeo realizado por Ecoloxistas en Acción Galiza, coa historia do desastre social e ambiental causado pola mina de Touro-O Pino e as graves consecuencias que pode ter a súa reapertura para a comarca: Dende que veu a mina