Este 15 de abril o grupo parlamentario do PP apoiou, en solitario, o seu ditame coas conclusión e propostas da Comisión Parlamentaria sobre a nova lei do solo.
A oposición votou en contra deste ditame alegando que a Comisión para analisar a reforma da lei do solo fora un paripé. Na Comisiòn de estudo sobre o borrador da nova lei do solo e para a elaboración dunha nova lei foron invitados a participar, a petición dos distintos grupos parlamentarios , xentes dos distingos grupos agrarios, do colexio de arquitectos de Galicia, do colexio de inxeñeiros, do FEGAMP e de grupos ecoloxistas entre outros.
Estas comparecencias celebráronse entre os meses de xaneiro e febreiro, onde cada un dos grupos participantes deu a súa opinión sobre esta nova reforma da lei. Verdegaia participou na citada Comisión o 27 de febreiro onde analisou o borrador da lei e amosou o seu rexeitamento.
Visto o resultado desta Comisión, temos que denunciar que unha vez máis o PP pretende sacar en solitario e sen o consenso do resto dos grupos políticos nin das organizacións sociais unha lei de grande transcendencia para o País.
Denunciamos tamén que a Comision da lei do solo foi simplemente un lavado de cara do grupo no goberno e que se fixo caso omiso das achegas alí realizadas, sempre que non estivesen na liña do que eles defenden e pretenden.
Unha vez máis o goberno actual fixo o que mellor sabe facer, modificar toda aquela lexislación que non responda aos seus intereses particulares.
De saír adiante esta lei, o desastre para a nosa terra está servido.
Incluimos o posicionamento de Verdegaia sobre o borrador da lei do solo defendido ante a Comisión.