O movemento social “Pola protección da Serra do Galiñeiro”, do que forma parte Verdegaia, segue realizando actividades, desta volta organizando unha palestra sobre o patrimonio xeolóxico e xeomorfolóxico da Serra do Galiñeiro no Antigo Convento de Santo Domingo de Tui (rúa Antero Rubín) este sábado 9 de abril, ás 19 horas.

As covas e abrigueiros do Galiñeiro xa son famosas. A súa importancia radica na abundancia delas nesta serra, na peculiaridade que supoñen estas covas en terreos graníticos, nos que son escasas en contraposición á abundancia delas en terreos calíos. Nesta ocasión, Marcos Vaqueiro Rodríguez, presidente do Clube Espeleolóxico Maúxo explicará as particularidades das estalactitas e estalagmitas nas oquedades do granito, e os típicos minerais que se depositan nestas condicións.  Descubriranos tamén a presencia dentro delas de ADN bacteriano fosilizado e disertará sobre o patrimonio arqueolóxico que albergan estas cavidades e  sobre o patrimonio etnográfico que supoñen as lendas asociadas aos múltiples abrigueiros naturais que hai por todo o Galiñeiro. Son coñecementos estes, que se veñen a engadir aos xa amosados no ano 2005 nun libro titulado “As covas de Vincios”, publicación pola que apostou a Comunidade de Montes desa parroquia.

Trátase de presentar unha cova ata o de agora inédita, e que ven supoñer a segunda máis grande de Europa, despois da de Boda Grottona en Suecia, e quedando por diante da do Folón en Coruxo, Vigo, que pasa a ser a terceira máis longa de Europa.

Este sábado en Tui, faremos un percorrido virtual por un río baixoterreño, e as súas fervenzas, labrado na rocha magmática dende hai dous millóns de anos.

Para ubicar neste escenario natural aos asistentes, o investigador do Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal, catedrático da Universidade da Coruña, X.R. Vidal Romaní explicará a orixe xeolóxica do Galiñeiro retrotraéndonos 400 millóns de anos, e dará conta de como evolucionaron e seguen a evolucionar as formas xeolóxicas desta rexión. Non en van o Galiñeiro alberga ata nove tipos distintos de rochas e ata trinta tipos distintos de minerais, algúns deles únicos pola escaseza e as súas propiedades, tal é o caso da astrofilita ou da riebeckita.

Ademais, consideramos que a iniciativa levada a cabo no ano 2008 de facer que o Galiñeiro ampliase o espazo natural protexido que representa o Monte Aloia, ten cada día máis argumentos. Así o faremos saber na conferencia deste sábado.

Nestes datas preelectorais, nas que a algúns políticos ocórrenselle outros usos para o Monte  Galiñeiro, nós atopamos nel, máis valores que salvagardar. E a pesar de que Terra do Vento teña asignado un polígono eólico nesta serra, no momento de presentar o proxecto eólico o seu Informe de Impacto Ambiental terá que facer fronte a moitos valores descubertos e outros pendentes de poñer en valor.