• Activistas do Movemento Galego polo Clima concentraranse o venres 24, ás 19:00h, en varias cidades nun novo Día de Acción Global polo Clima convocado internacionalmente por Fridays for Future-Xuventude polo Clima
  • Algunhas organizacións do movemento abriron un litixio contra o goberno do Estado polo incumprimento dos acordos internacionais sobre cambio climático
  • A crise climática é unha inxustiza global e os gobernos deben afondar na transición enerxética xusta para evitar maiores impactos ambientais e sociais

O venres 24 de Setembro organizacións integradas no Movemento Galego polo Clima realizarán concentracións en Vigo, na Coruña e en Compostela, para esixir maior ambición climática aos gobernos. Esta acción ten por obxectivo difundir o litixio emprendido contra o Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima do Goberno do Estado español, xa formalmente aprobado, para esixirlle xudicialmente que cumpra os compromisos internacionais adquiridos e asuma a súa responsabilidade pola falta de políticas efectivas contra o cambio climático.

Os plans e estratexias autonómicas e estatais sobre cambio climático perseguen unha redución de emisións de gases de efecto invernadoiro inferior ao 25% para o ano 2030, mentres que diversos informes científicos, co IPCC á cabeza, esixen unha redución superior ao 55%, co obxectivo de manter o incremento das temperaturas por debaixo do 1,5%. De igual xeito, o movemento ecoloxista quere forzar aos gobernos para que emprendan accións para acadar as emisións netas cero en 2040, dez anos antes das febles intencións que teñen nos seus plans. É imperativo que o Goberno aprobe uns instrumentos xurídicos con maior ambición climática para salvagardar o medio ambiente e os dereitos fundamentais da cidadanía.

Os litixios contra os gobernos centrais que o movemento ecoloxista está a presentar en toda Europa téñense resolvido en países como Franza, Holanda ou Alemaña de forma favorábel aos intereses dos ecoloxistas, recoñecéndo que os seus respectivos gobernos están a violentar os dereitos fundamentais das súas poboacións. Non se trata de escoller entre o desenvolvemento económico e o medio ambiente, senón de emprender un novo rumbo, no que entendemos que sen salvagardar o medio ambiente e o clima non teremos un futuro digno.

Mobilizacións o 24 de setembro ás 19h. nas seguintes localidades:

  • Vigo: diante do Marco (Museo de Arte Contemporánea)
  • Compostela: Praza 8 de Marzo/Porta do Camiño
  • Coruña: no Obelisco

#XuízoPoloClima24S

Movemento Galego polo Clima

Litixio polo clima