Todos e todas ficamos arrepiadas ollando as imaxes emitidas repetidamente nas distintas cadeas de TV sobre a salvaxe malleira que un veciño de Aguiño (Ribeira) deu no ano 2004 ao seu can e polo que foi multado con 6000 €. Esta nova mostra da faciana máis rexeitábel do animal humano e o conseguinte escándalo e repulsa da sociedade permiten abrir algunhas liñas de reflexión sobre este feito en particular e sobre as derivacións que del podemos extraer.
1.- Como é posíbel que unha persoa condeada por un maltrato tan grave poida seguir tendo cans da súa propiedade? A Lei 1/1993, do 13 de abril, de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade só recolle a posibilidade de incautación dos animais non humanos obxecto de actividades ilegais ou de abandono para calquera tipo de infracción pero non a inhabilitación da persoa sancionada para ter outros animáis . Así, poderanse dar casos continuados de maltrato sobre distintos animáis non humanos sen que se poda facer nada máis que multar administrativamente, e iso no caso de teren probas do delito. Compre incorporar de xeito urxente á Lei galega a figura da inhabilitación para ter ou manter animais domésticos.
2.- Como é posíble que o delito recollido nas imaxes non fora procesado penalmente? O punto centésimo vixésimo sexto da Lei Orgánica 15/2003, de reforma do Código Penal relativo ao artigo 336 sinala que -”Os que maltraten con ensañamento e inxustificadamente a animáis domésticos causándolles a morte ou provocando lesións que produzan un grave menoscabo físico serán castigados con penas de prisión de tres meses a un ano”-. É sintomático que non se coñezan casos de condena a prisión por maltrato animal. Reflicte a consideración xeralizada que olla o maltrato animal como unha falta menor , subsanábel cunha multa e non unha infracción penal á que se lle pode engadir neste caso as agravantes de abuso, premeditación, ensañamento e cantas outras haxa no Código Penal.
3.- Como é posíbel que este escándalo e rexeitamento da violencia non sexa extensíbel a outros animais non humanos que a cotío están a recibir maltratos de todo tipo?
Só temos que botar unha ollada ao noso arredor para decatármonos que a crueldade sobre outros animáis (incluídos os humanos) forma parte da nosa cotianeidade, ate o punto que mesmo establecemos salvedades lexislativas para “legalizar” a tortura.
Deteñámonos no caso dos “espectáculos” taurinos. Dentro desta denominación non só falamos das touradas propiamente ditas senón de eventos como os encerros ou as achegas de bois. A Lei de Proteción de animais domésticos galega establece no seu artigo 5 -”a prohibición de utilizar animais en espectaculos, pelexas, festas populares e outras actividades se iso lles pode ocasionar danos, sufrimentos ou facelos obxecto de tratamento antinatural”- pero inmediatamente introduce a salvedade -”Quedan excluídos do ámbito de aplicación desta lei a festa dos touros, os encerros e demais espectáculos taurinos”- Eís a mala sorte de nacer touro, boi ou vaca.
Xa postos a fiar fino tamén indica que excepcionalmente, a Consellería de Medio Rural poderá autorizar espectáculos consuetudinarios nos que interveñan animais. É dicir, razóns culturais. Ben, creo que diferimos ao respecto do concepto cultura: os/as lexisladores enténdena como algo inamobíbel e xustificativo para este tipo de aberracións e Verdegaia como o reflexo da evolución dunha sociedade que permite ir superando a barbarie. Parafraseando o dito: “As touradas (e espectáculos afíns) son á cultura o que o canibalismo á gastronomía”
Máis o catálogo de crueldades se extende tamén por establecementos moi populares entre a cidadanía como son os zoos, aquarios e circos. Neles asistimos impasíbeis e mesmo divertidos á visión de especies extraidas do seu hábitat natural, forzadas a vivir en condicións aberrantes para á súa natureza, e entreadas para desenvolver actividades antinaturais e todo para o “lecer” doutro animal como é o ser humano.
Mesmo no ámbito doméstico, o mercado de especies exóticas e non tan exóticas ofrece abondosos exemplos de maltrato: paxaros engaiolados, cans permanentemente encadeados, tráfico de especies, abandonos…
Tamén se non temos animais domésticos somos cómplices da tortura: os medicamentos e os cosméticos que empregamos son na súa meirande parte testados en animais. Só na UE arredor de 11 millóns de animáis son empregados anualmente en experimentos de laboratorio, algúns viviseccionados (literalmente cortados en pedazos).
Por último non podemos deixar de mencionar un dos ámbitos onde a crueldade animal adquire a condición de sistema: a gandeiría industrial. As vacas, galiñas, polos e outros animáis non humanos sofren condicións de extrema crueldade: hacinamento (ate 7 poñedoras nunha gaiola metálica de mínimas dimensións), envenenamento a base de antibióticos ou hormonas do crecemento, castracións brutais e inmobilidade para seren finalmente sacrificadas mediante unha descarga eléctrica que en moitos casos non as mata antes de seren introducidos na cadea de despiece polo que aínda están vivos cando os comezan a trocear.
En definitva, a crueldade animál non é só (que tamén) a periódica aparición de novas como a destes días senón que está presente de xeito contínuo na nosa vida cotiá, polo que se queremos seriamente loitar contra esta lacra, cómpre tamén mirármonos a nos mesmo, reflexionar e incorporar prácticas na nosa vida diaria que permitan eliminar o maltrato a animáis, tanto humanos como non humanos.
Algunhas ligazóns de interese:
Vídeo: Coñece a Carne (Meet the meat)
Coalición Europea pola Aboliciónda Experimentación en Animais