A especie humana maltrata a miúdo as demais especies animais e utilízaas como se fosen obxectos: matándoas como entretemento, encerrándoas polo simple pracer de as observar, someténdoas a experimentos dolorosos moitas veces por motivos triviais, torturándoas publicamente e de forma institucionalizada, arrincándollela pel para vestir a súa vaidade, abandonando animais domésticos, etc. Os animais non-humanos son seres vivos con necesidades, sentimentos e capacidade de sufrimento, non obxectos para o noso uso e divertimento.
Mais certos sectores da sociedade néganse a aceptar que os animais son seres dotados de sensibilidade non só física senón tamén psíquica, e persisten en sacar proveito da súa tortura e, por veces, morte.
Pontevedra volveu un ano máis a incluír touradas no programa de festas da Peregrina. A pesar das multitudinarias manifestacións populares que cada verán solicitan a súa fin, as administracións seguen permitindo que unha industria, que se fundamenta na tortura e morte de animais por lecer, siga exercendo a súa actividade na Galiza. As touradas non poden manterse como unha excepción ao maltrato animal, é cultural e socialmente ofensivo que a Lei de Protección de Animais Domésticos e Salvaxes en Cautividade, que afirma basearse na Declaración dos dereitos dos animais da UNESCO, as exceptúe da prohibición xeral de provocar danos ou sufrimentos a animais en espectáculos, polo que debe ser obxecto dunha inmediata revisión.
En Nigrán atopamos máis un exemplo de maltrato animal, nomeadamente nas instalacións do circo Wonderland que, a pesar de contar con un repertorio variado de malabaristas e pallasos, é un dos circos que se resiste en abandonar a utilización de animais. Calquera que se achegue a praia América pode observar camelos, avestruces, poneis, bois e incluso sete tigres de Siberia. Animais extraídos do seu hábitat natural, forzados a vivir en condicións aberrantes para á súa natureza, e adestrados para desenvolver actividades antinaturais para lecer dos humanos. Especialmente aterradora é a situación dos tigres que durante a última semana estiveron suxeitos a temperaturas próximas aos 30ºC. Estas condicións agrávanse se analizamos as crías, polo que non sorprende que da última camada de cinco cachorros de tigre ningún fora capaz de sobrevivir tras seren afastados da nai e de non se adaptaren a leite maternizado de gata. En xeral, manter fauna en cautividade ten tráxicas consecuencias para a mesma. Por exemplo, demostrouse que os elefantes que viven en circos viven ata 40 anos menos que os seus conxéneres que viven en libertade. O estrés e o sobrepeso menguan a súa calidade e duración de vida.
As administracións locais, detentoras da potestade para conceder aos circos a autorización de instalación, deben recapacitar sobre as eventuais vantaxes da realización deste tipo de exhibicións no territorio que administran. Os cativos, que son xeralmente o público maioritario, o Wonderland incluso informa no cartaz dun teléfono específico para reservas de centros escolares, reciben unha versión terxiversada e falsa dos animais, resultando de todo anti pedagóxico. Moi distante dunha educación ambiental que ensine a observar, comprender, respectar e amar as demais formas de vida.
Verdegaia entende que a sociedade non ten dereito a facer sufrir innecesariamente a outros seres vivos e urxe o recoñecemento de determinados dereitos a todos os animais non-humanos. Por iso esixe das administracións locais que non promovan nin apoien calquera festa ou actividade que supoña un maltrato cara eles.