A Comunidade Saharauí na Galiza convoca concentración o 24 de febreiro para reclamar o seu estado 48 anos despois do abandono das tropas españolas do territorio ocupado e da declaración da República Árabe Saharauí Democrática. Verdegaia apoia a reivindación histórica do pobo saharauí.

O 27 de febreiro é un día que troa coa resistencia acendida e a loita implacable do pobo saharauí pola súa liberdade nacional. Nesta xornada de desafío, celebramos a valentía e a firmeza dun pobo que desgarra as cadeas da opresión, que rexeita o xugo da inxustiza imposto.

Un 27 de febreiro de 1976, hai 48 anos, proclamouse a República Árabe Saharauí Democrática en Bir Lehlu, un día despois da saída do último soldado español do territorio. O Congreso Nacional Saharauí, a través do seu Secretario Xeral Ali Beiba, anuncia a creación dun “Estado libre, independente e soberano, rexido por un sistema nacional democrático e progresista”.

A pesar de décadas de ocupación brutal, os saharauís mantiveron viva a chama da esperanza e a dignidade. A súa loita non é só pola súa terra, é unha insurrección contra o sistema de opresión que lles nega o seu dereito inalienable á autodeterminación, a vivir en liberdade e con dignidade.

O 27 de febreiro chámanos á acción radical, desafíanos a alzar as nosas voces e a levantaros puños nun único puño de aceiro contra a inxustiza. Lémbranos que a liberdade non é un regalo que se nos concede, senón un dereito que se arrinca con coraxe e sacrificio.

Non daremos nin un centímetro de terra saharauí. Ante a falta de cooperación para unha solución negociada baseada nun referendo, esiximos a expulsión do ocupante marroquí e que o Goberno español asuma a súa responsabilidade como a potencia administradora do territorio e, polo tanto, a obrigación de protexer á sociedade civil saharauí.

Pídese que o Goberno español sexa xulgado pola entrega do Sáhara, polo recoñecemento ilegal da súa marroquinidade no BOE e pola complicidade co asasinato de 200 civís en ataques con drones, ignorando o Dereito Internacional.

Comprometémonos a loitar sen descanso ata que a bandeira saharauí ondee en terra liberada.

Unidos na loita radical pola xustiza, avanzamos cara a un futuro onde a liberdade sexa o destino común de todos os pobos.

Viva o pobo saharauí! Que a revolución sexa o noso estandarte e a vitoria o noso destino! Patria ou Morte!

Chamamos aá concentración que se realizará na Praza da Quintana de Compostela o sábado 24 de febreiro ás 12h.