O Goberno estatal vai aprobar unha nova regulación para a enerxía solar fotovoltaica que, segundo o anunciado, pode representar un grave golpe a un sector cuxo desenvolvemento en Galicia é aínda moi incipiente. A nova regulación sería un insólito recúo na loita contra as alteracións climáticas.

Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, WWF/Adena, a Asociación da Industria Fotovoltaica (ASIF), a Asociación de Produtores de Enerxías Renovables (APPA), Comisións Obreiras (CC OO) e a Unión Xeral de Traballadores (UGT), instaron conxuntamente ao Goberno “a modificar a súa proposta de nova regulación para a enerxía solar fotovoltaica, de xeito que se evite un grave golpe a un sector caracterizado polo seu dinamismo e innovación, que pode provocar o peche de numerosas empresas –con efecto sobre milleiros de empregos–, e é un insólito paso atrás na loita contra a mudanza climática”.

As devanditas organizacións consideran que “España debe manter a súa aposta por ser un dos líderes mundiais no desenvolvemento da fotovoltaica, unha das fontes de enerxía con maior potencial de todas, e unha das mellores opcións do país para loitar contra o quecemento global e diminuír a súa dependencia enerxética”.

Entre outros aspectos rexeitables da nova regulación anunciada está o de limitar o volume do mercado solar a só 300 MW durante 2009, un 70% menos do volume de mercado que está tendo entre xaneiro e setembro do presente ano.

“Este brusco descenso de actividade, contrario á política de fomento das enerxías renovables e á defensa do medio ambiente, suporá un duro golpe ao sector fotovoltaico español que as organizacións asinantes consideran innecesario e excesivo”.

Ciberactúa: Di non ao parón á enerxía solar fotovoltaica! 

Máis información:

A enerxía solar fotovoltaica