A campaña “Por la Paz: ¡No a la Investigación Militar!” ven de apresentar un informe no que denuncia que o proxecto de Orzamentos Xerais do Estado para 2007 prevé un gasto en I+D militar superior aos 1.500 millóns de euros, a segunda maior cifra de todos os tempos. O goberno español continúa a ser, ademais, pouco transparente no tocante a investimentos en I+D.

A segunda cifra máis alta

O proxecto de Orzamentos xerais do Estado para 2007 recolle unha previsión de gasto en I+D (Investigación e Desenvolvimento) con fins militares de 1.586,10 millóns de euros, a segunda cifra máis alta nunca alcanzada, 97 millóns por baixo da dos orzamentos de 2006. Esta lixeira baixa é compensada polo incremento no número de programas de desenvolvimento de armamento, que pasan de 9 a 13, o que fai prever futuros incrementos no gasto en I+D militar.

O gasto en I+D militar supera, deste modo, nuns 200 millóns de euros ao conxunto do investimento en I+D científica, sanitaria, educativa, ambiental, agraria, xeolóxica, oceanográfica, e enerxética (1.387,17 millóns de euros).

Falta de transparencia

O gasto en I+D militar aparece recollido en dúas partidas, unha asignada ao Ministerio de Defensa (361,04 millóns) e a outra ao Ministerio de Industria, Comercio e Turismo (1.225,06 millóns). O feito de que por vez primeira, aínda que dentro de Industria, a partida dedicada a I+D militar apareza recollida nun apartado específico é un tímido avanzo cara a transparencia por parte do goberno español, e un pequeno triúnfo da campaña “Por la Paz: ¡No a la Investigación Militar!”. Isto non evita que, por terceiro ano consecutivo, o PSOE incumpra o recollido no seu programa eleitoral a respeito da ubicación nos Orzamentos do gasto en armamento.

Polo demais, o goberno do Estado segue a contabilizar como I+D partidas que non son dedicadas realmente a investigación e desenvolvimento, de modo que boa parte do 54% do orzamentado como fundos destinados a I+D non teñen tal fin. Esta polémica práctica fora denunciada reiteradamente polo PSOE cando estaba na oposición. O programa de “Investigación Científica” xestionado polo Ministerio de Educación e Ciencia, principal fonte de financiamento dos grupos de investigación das Universidades públicas e o CSIC, receberá apenas o 9% do orzamento dedicado a I+D no vindeiro ano.

Nos anos 2001 e 2002 eran 4 os proxectos armamentísticos, e en 2006 pasaron a ser 9. O groso do gasto en I+D militar para 2007 destinarase ao financiamento de 13 proxectos de armamento de natureza ofensiva, o que contrasta coa imaxe humanitaria do exército español que o goberno se empeña en difundir. Sete empresas absorben o pouco transparente gasto en desenvolvimento armamentístico, repartíndose un orzamento que case que duplica ao aportado ás Universidades públicas e o CSIC para I+D civil. A compañía estadounidense General Dynamics, un dos principais provedores do Pentágono, receberá uns fundos superiores aos destinados a investigación sanitaria. O gasto en I+D militar experimentou un forte incremento entre os anos 1995 e 1999 e até hoxe mantén, con altos e baixos, unha tendencia á alza.

Máis información:
Por la Paz: ¡No a la Investigación Militar!
Fundació per la Pau