Ecologistas en Acción considera que as Comunidades Autónomas quixeron facer tan fácil e asequible o Exame do Cazador, que este converteuse nun mero trámite fraudulento. En particular, acha que a regulación deste exame en Galicia é un engano. A falta de formación dos cazadores, alén de xerar importantes impactos ambientais e sociais, favorece resultados dramáticos, xa que 2007 acabou con 20 persoas mortas en España por disparos.

As probas de acreditación de aptitude e coñecementos -ou exame do cazador- son un mero trámite naquelas Comunidades Autónomas onde se regulou, xa que carecen de probas prácticas, ou só se obriga a realizalo aos cazadores noveis e non a todos os cazadores, independentemente do tempo que leven exercitando. Por iso, a diferenza doutros estados próximos como Francia ou Alemaña estes exames non serviron para mellorar a formación e os coñecementos dos cazadores españois. O resultado é unha situación de inseguridade para todos os usuarios do monte así como das especies de fauna silvestre máis ameazadas.

Recentemente, a Xunta de Galicia aprobou unha Orde que será aplicable este ano, pola que só se obriga aos noveis e aos cazadores que non teñan renovado a súa licenza nos últimos dous anos, a estaren presentes nun curso que lles garanta un certificado de aproveitamento. Algo que, segundo Ecologistas en Acción,  é unha pantomima, un engano, e sobre todo, tratándose de persoas con armas de fogo no medio natural, unha gravísima irresponsabilidade por parte da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia. Perante as críticas dun sector que se considera acurralado, o Subdirector de Caza e Pesca  réstalle credibilidade, seriedade e importancia ao exame que deben de sortear os noveis: “Non serán preguntas complicadas, aprobarase acertando a metade das preguntas e os erros non restan”.

 
Ningunha das comunidades españolas que regularon un proceso de acreditación de aptitude e coñecementos esixen probas prácticas aos aspirantes. Isto non ocorre nos países do noso contorno. Os mesmos cazadores españois recoñecen que as probas ás que son sometidas as persoas que desexan saír ao campo cunha escopeta ou rifle noutros estados son moito máis duras e completas. En Alemaña, o curso dura tres anos e consta dunha proba práctica de manexo de armas. Popularmente coñécese como o “bacharelato verde”.

 

Máis información:

 
Web da Área de conservación da natureza de Ecologistas en Acción