A consideración do eucalipto Eucalyptus globulus como especie exótica invasora en Galicia non tiña suscitado maior dúbida, existindo un consenso xeralizado entre os científicos e profesionais que traballan na conservación da biodiversidade1. Aínda nos últimos anos, o que se ten é fornecido ese carácter invasor con novas e mais robustas evidencias2. Non coñecemos aportación científica algunha que negue o carácter invasor do eucalipto en Galicia.
Esta argumentación científica probablemente non pareceu excesivamente preocupante para os sectores económicos que dependen do eucalipto, alguns dos cales mesmo asumiron ese carácter invasor, xustificando o seu uso nun suposto correcto manexo. Porén, o asunto mudou en datas moi recentes, cando se ten promovido a inclusión desta e doutras especies do xénero Eucalyptus no Catálogo español de espécies exóticas invasoras (CEEEI, regulado polo RD 630/2013), e especialmente cando o Comité Científico do Ministerio de Medio Ambiente ten emitido um dictame3 aconsellando a inclusión de seis especies de eucaliptos en dito Catálogo.
A consideración de espécie exótica invasora no CEEEI conleva a prohibición xenérica de posesión, transporte, tráfico e comercio de exemplares vivos ou mortos, dos seus restos ou propágulos, incluindo o comercio exterior (art.7.1). No entanto, todas as árbores con potencial de ter aproveitamento silvícola, caso da acacia negra (Acacia melanoxylon) e da robinia ou falsa acacia (Robinia pseudoacacia) -especies das que a propia Xunta ten promovido actuacións puntuais de eliminación debido ao seu carácter indiscutiblemente invasor-, foron deliberada e inxustificadamente excluídas do Catálogo. Se ficaron fóra esas árbores ferozmente invasoras, que apenas contan con aproveitamento económico na actualidade…, como imaxinar que podería ser catalogado o eucalipto?
En todo caso, o certo é que, até a data, as administracións autonómicas encargadas da xestión da biodiversidade teñen feito pouco para garantir o cumprimento do CEEEI, sendo Galícia un dos casos mais relevantes en canto a ausencia de xestión efectiva. Mesmo algún recente Director Xeral de Conservación da Natureza promoveu o negacionismo das invasións biolóxicas. A realidade é que, hoxe en dia, sete anos despois da promulgación do primeiro CEEEI, resulta habitual ver plantas catalogadas á venda en viveiros, plantándose e usándose ao longo do país; e non se ten feito case nada por achegar a problemática e a normativa á poboación, pólo que existe un descoñecemento xeral das especies sometidas as súas limitacións. Nin siquera tense promovido a imprescindible comunicación entre a Administración e o sector viveirista e da xardinería, ao contrario do acontecido noutras zonas do estado español.
En canto aos eucaliptos, ben é certo que teñen un importante peso na economia galega, principal argumento no que se basean os retractores da súa inclusión no referido Catálogo (CEEEI), posto que, na teoría, esta inclusión suporía prohibir estritamente o seu uso e comercio. Mais na práctica, no contexto sociopolítico actual e á luz do incumprimento dos preceptos de dito Catálogo para outras especies, alén da propia vulneración das limitacións actuais para plantacións de eucalipto (distancias a vivendas e estradas, plantación en terras agrícolas ou de bosque nativo, etc), o máis probable e que a inclusión do eucalipto no Catálogo non impediría que seguise tendo presenza e que se seguise plantando e fomentando. Até poderia alimentar a sensación de indefensión e desalento das persoas que vemos como os gobernos incumpren intencionada e impunemente normativas que están obrigados a desenvolver.
A dia de hoxe o debate está confuso, alimentado polos medios de comunicación maioritarios e mesmo polas carencias en formación forestal e biodiversidade da masa social. A maioría non recoñece as importantes diferencias entre unha especie exótica e unha exótica invasora (entre eles o enxeñeiro da escola forestal de Pontevedra Enrique Valero, segundo se desprende no seu artigo na Voz de Galícia sobre a catalogación do eucalipto); non digamos o que significa a naturalización dunha especie ou que riscos supoñen as invasións biolóxicas.
Nese contexto, triste é ler o contradictame4 da Subdirección General de Producción Forestal do Ministerio de Medio Ambiente (non asinado por ninguén, non vaia ser…) acerca do caracter invasor dos eucaliptos. Neste documento ponse de manifesto que quen redactaron non saben o que se entende por especie invasora (lese, por exémplo. “se mezcla el supuesto carácter invasor del eucalipto con consideraciones sobre biodiversidad, propiedades del suelo y riesgo de incendios que absolutamente tienen nada que ver con la supuesta invasión de ecosistemas” pp 21); tamén resulta evidente que non estudaron os artigos científicos existentes ao respecto do carácter invasor do eucalipto (publicados en revistas internacionais, previa dupla revisión independente), ou ben os mal interpretaron e sesgaron intencionadamente. Así, rebaten sen argumentos sólidos ao Comité Científico do seu propio ministerio, integrado polas persoas investigadoras de universidades e do CSIC mais relevantes en España sobre a cuestión. E aínda lles acusan de intereses políticos (cales??), deixando entrever que precisamente esa pode ser a motivación do informe da Subdirección General: defender a toda costa uns intereses económicos ligados ao poder político que goberna na actualidade.
1. Por exemplo, Atlas de las plantas alóctonas invasoras de España (2004) editado polo Ministerio de Médio Ambiente; Diagnóstico da situación das especies exóticas invasoras en Galícia (2007) e Plan estratexíco galego de xestión das especies exóticas invasoras (2012) da Xunta de Galícia; Flora exótica de Galicia (Romero, 2007, Botanica Complutensis); Plantas invasoras de Galícia. Bioloxia, distribución e métodos de control (Fagúndez & Barrada, 2007), este último posteriormente editado -e censurado en canto ao eucalipto-, pola Consellería de Medio Ambiente.
2. Datos obtidos en Galícia: Calviño et al.,2012, 2012b, 2013, 2016, 2017 (Forest Ecology & Management); Calviño, 2013 (Forest Ecology & Management); Cordero et al. 2017 (Animal Biodiversity and Conservation)
3. Ligazón a dictame Comité Científico
4. Ligazón a dictame da Subdirección Xeral de Política Forestal
Foto de Forest & Kim Starr, CC BY 3.0, https://commons.wikimedia.org/w/index.php?curid=6196678