Ecologistas en Acción opina que, fronte a aspectos positivos do novo Real Decreto (RD), como un mecanismo de evolución de tarifas acorde coa evolución tecnolóxica ou a promoción de instalacións sobre edificios, a grande limitación da potencia a instalar, e a drástica baixada de tarifas non parecen axudar á promoción deste tipo de enerxía.
A nova lexislación supón unha baixada drástica das tarifas da fotovoltaica, ao mesmo tempo que limita a potencia das instalacións que se poderán acoller á tarifa regulada. As baixadas oscilan entre un 25% e un 30%, segundo o tipo de instalación. Desde Ecologistas en Acción, pensamos que as novas tarifas poderían ser insuficientes para promover durante os próximos anos o desenvolvemento desta fonte de enerxía ao ritmo actual.
A tarifa para pequenas instalacións sobre edificios parece claramente insuficiente. Unha tarifa maior para este tipo de instalacións non suporía unha grande repercusión no sistema tarifario. Tería significado, porén, unha aposta clara pola xeración distribuída.
O RD pretende promover as instalacións en edificios para reducir a ocupación do territorio. Porén, os mecanismos de traspaso de potencia e a evolución do mercado nos últimos anos fai pronosticar que grande parte desta potencia acabe engrosando o cupo para solo, co que o pretendido obxectivo pode esvaecerse perante os nosos ollos.
Algúns dos aspectos positivos son a pretensión de evitar a especulación mediante a redefinición da potencia das instalacións, a evolución das tarifas coa madurez tecnolóxica e a eliminación ou redución da tarifa regulada para grandes infraestruturas.
Cupos máximos de potencia
Por outro lado, a grande restrición deste RD son os cupos máximos de potencia, claramente por debaixo da capacidade actual e futura de produción e instalación, que vai supor unha diminución importante no ritmo de instalación dos últimos tempos.
A adecuación das tarifas á evolución do mercado poderíase ter realizado dunha forma máis flexible, fixando límites para o cálculo das novas tarifas que non fosen restritivos canto á potencia instalada, e mediante un sistema máis áxil de convocatorias. Deste xeito, a adecuación de tarifas poderíase realizar de forma máis rápida, e non habería grandes limitacións á potencia instalada.
O principal obxectivo perseguido polo Goberno non parece ser tanto a promoción dun tipo de enerxía limpo, senón o control do déficit tarifario do sistema eléctrico español e a competitividade empresarial. A redución nas tarifas da fotovoltaica, porén, non soluciona o grande problema do déficit, que deberá abordarse inevitablemente por outros medios.
Documentación: Informe de Ecologistas en Acción sobre o Real Decreto 1578/2008 de retribución da enerxía solar fotovoltaica