A asociación ecopacifista Verdegaia fai público o seu posicionamento “A polémica da instalación de ENCE: Un enfoque reducionista dunha problemática transversal”. Verdegaia, que participará na marcha contra ENCE do vindeiro Sábado 13, entende que o necesario desmantelamento da factoría de Lourizán debe ser aproveitado para promover unha transformación radical do noso modelo de produción e consumo de papel.

A instalación da planta de produción de pasta de papel do grupo ENCE nun recheo da ría de Pontevedra en 1963, en Lourizán, é un exemplo paradigmático dunha má industria nunha má localización, despropósito que a ría e as poboacións circundantes sufriron cun nivel de contaminación dunha gravidade tal que supuxo a condena no ano 2002 de seis directivos da empresa. ENCE-ELNOSA conta, contodo, coa Autorización Ambiental Integrada concedida pola Xunta de Galicia en 2008 —válida até 2011— e cunha concesión administrativa para permanecer na súa actual ubicación até 2018.

A planta de ENCE en Lourizán debe ser desmantelada canto antes e isto debe ser aproveitado como a oportunidade histórica que é para trasformar o noso modelo de produción e consumo de papel con criterios de sustentabilidade ecolóxica e xustiza social.

Muito máis que unha escolla de nova localización

O problema da actividade de ENCE non se soluciona cunha nova ubicación, cumpre tamén un novo modo de producir e consumir. Verdegaia, que asume o documento “Unha visión común para transformar a industria europea do papel ”, elaborado polo Movimento Forestal Europeu, propón:

  1. Reducir o consumo de papel
  2. Reducir a dependencia da fibra virxe de árbores
  3. Potenciar o reciclado
  4. Abastecerse de fibra responsábel e sustentábel
  5. Garantir a produción limpa
  6. Garantir a responsabilidade social

O 10% da poboación mundial é responsábel da metade do consumo mundial de papel, un hábito con graves impactos ambientais e sociais, locais e globais. A celulosa producida en Galiza para o mercado europeu é elaborada a partir de madeira de eucalipto e está directamente relacionada coa “eucaliptización” masiva da Galiza litoral, e non só, xa que esta empresa importa madeira producida noutros lugares do mundo sen garantías socioambientais. Por outra banda, o consumo de papel reciclado é cativo, a recolla selectiva de papel nos Concellos adheridos a SOGAMA é mui baixa e en Galiza non existe industria de reciclado de papel.

Para Verdegaia, unha celulosa igual de contaminante que ENCE é inaceitábel en calquer emprazamento e continuar co mesmo modelo de produción e consumo de papel é inasumíbel.

Descarrega o documento “A polémica da instalación de ENCE: Un enfoque reducionista dunha problemática transversal”:

pdf posicion_verdegaia_ence_consumo_producion_papel 168.11 Kb