O Cumio anual sobre o Clima (Nairobi, 6- 17 de novembro) abriulogo_cumio_nairobi.jpg o camiño cara a adopción dun acordo internacional para a limitación dos gases de efecto invernadoiro que substitúa ao Protocolo de Quioto, cuxa vixencia remata en 2012. Entre as organizacións ecoloxistas presentes no cumio como observadoras estivo Ecologistas en Acción.

Os acordos do 2º Encontro das partes do Protocolo de Quioto ficaron aquén do demandado polas organizacións máis comprometidas na loita contra o cambio climático. Aínda que se abriu a porta a un acordo pos Quioto, o inicio das negociacións atrásase até 2008. Ecologistas en Acción entende que existe o risco de que, “coa característica lentitude destes procesos, non haxa un marco legal constituído en 2012 para asegurar continuidade nas políticas de redución de emisións”.

O conxunto dos gobernos non quixeron lanzar unha mensaxe forte e contundente ao mundo económico no senso de que axiña a ineficiencia enerxética e as enerxías sucias deixarán de ser rendibles. Para Ecologistas en Acción, transmitiuse a idea contraria: “as perspectivas de reducións fortes de emisións son tan endebles que hai tempo para continuar co negocio tal como está. É unha mensaxe perversa, porque produce acumulación de máis emisións na atmosfera e porque dilapida un tempo que se necesitará para realizar as transformacións tecnolóxicas e sociais propias dun mundo con menos CO2”.

Un resultado positivo do Cumio de Nairobi foi o compromiso político dos países máis desenvolvidos de reduciren as súas emisións nun 50%, nunha data sen definir mais que se situaría cara a metade deste século. É evidente que para atinxir este obxectivo as cousas terían que ir moito máis rápido do que foron até hoxe.

Entre 1950 e 2000, África tan só foi responsable do 2,5% do total das emisións causantes do cambio climático. Porén, as previsións sobre os impactos dun cambio climático catastrófico apuntan que África resultará moi prexudicada. Como puideron comprobar as persoas que asistiron ao Cumio, en Quenia xa se comezan a sentir os efectos negativos do cambio climático.

Máis información:

Ecologistas en Acción

Climate Action Network (CAN)

Blogs de Mar Asunción (WWF/Adena) e Francisco Ferreira (asociación ecoloxista portuguesa Quercus) , asistentes ao Cumio de Nairobi.

Dous vídeos sobre os efectos do cambio climático, en Galicia e nun país do Sur: reportaxe "O clima que vén", no programa Rec Cámara da TVG (edición do 14/10/2006); vídeo “Mudanças do clima, mudanças de vida” , de Greenpeace Brasil.