Verdegaia renuncia a seguir colaborando con un concello que realiza reiteradamente accións contra o patrimonio natural

Co gallo da celebración dun festival de música no aparcamento do Progreso, os servizos do Concello do Porriño realizaron ao longo desta semana labores de roza nos terreos próximos, algúns deles situados a menos de 10 metros do río Louro.

Como é habitual nestes casos, esnaquizando plásticos, latas e todo tipo de residuos, facilitando así a súa extensión polo medio natural. O vento dos próximos días levará moitos deses pequenos plásticos ás augas do río que, á súa vez, os transportará ata espazos naturais de especial protección como as Gándaras de Budiño ou as beiras do río Miño.

O Concello decidiu rozar eses terreos sen ter en conta os avisos que Verdegaia xa realizou en diversas ocasións, tanto pola presenza de lixo como de especies exóticas invasoras.

De feito, ao ter constancia do inicio dos traballos de roza, informamos ao concello por rexistro, con imaxes e coordenadas exactas, da presenza neses terreos da Fallopia japonica, unha planta incluída no Catálogo español de especies invasoras e considerada unha das maiores ameazas á biodiversidade no ámbito mundial pola facilidade que ten para estenderse e impedir o desenvolvemento das especies autóctonas pero… ignoraron o comunicado.

É por esta actitude que, con todo o pesar, dámos por rematada a colaboración que viñamos tendo co Concello do Porriño dende outubro de 2023. Unha asociación como Verdegaia non quere estar asociada con administracións que actúan repetitivamente incumprindo a lexislación e damnificando o medio ambiente.

Presentamos unha denuncia á Dirección Xeral de Patrimonio Natural para que se depuren responsabilidades. Preferiamos que o diñeiro, que o Concello eventualmente terá que pagar como multa, se empregase doutra forma na vila, pero despois de varias tentativas non nos queda outra vía que a denuncia para conseguir que o Concello modifique a súa actitude.