Denunciamos unha vez máis a falta de sensibilidade do Concello de Vigo coa nosa biodiversidade urbana. Non dubidamos que algúns dos exemplares poidan estar podridos e provocar danos, ainda que non sempre é o caso.
Nestes días de confinamento estamos apreciando máis que nunca a presenza de natureza, árbores, paxaros e outros animais nas nosas rúas. Eses cantos que nos alegran un pouco o confinamento, cantos de paxaros que xa están a criar nesas árbores que se talan en plena primavera, e que mañá deixaremos de escoitar. A biodiversidade urbana e sobre todo as árbores de gran porte son necesarias para humanizar as nosas cidades, manter o aire limpo, dar sombra, manter a temperatura, así como ser refuxio de insectos e paxaros.