A Praza de Galiza leva décadas pedindo unha remodelación para “humanizar” ese espazo comesto pola impericia urbanística e o abafo dos coches. Tanto os que camiñan como os que agardan o autobús están á defensiva ante a evidente hostilidade da actual praza.obras praza galiza

 

Pois ben, o Concello de Santiago pretende remodelar a comezos deste ano 2014 este espazo (ben!). Mais, a boa nova transfórmase enseguida en desagradábel sorpresa porque a remodelación da praza contempla un parque infantil! E preguntámonos, como escolle o Concello un espazo perigoso, poluído e barullento para facer un parque infantil? Non ten nin pés nin cabeza, por pouco que se pense.

 

En todo caso, como a situación actual da praza é tan nefasta calquera mudanza mellorará (presumibelmente) o espazo, aínda que o Concello faría ben se aforra as ideas peregrinas na remodelación. Por certo, falando de aforrar, preguntámonos se non é un orzamento un pouco excesivo? Estaría ben que o Concello falase disto tamén. E de paso tamén pode aclarar se esta remodelación vai diminuír o tráfico e facer máis segura a praza para peóns e bicicletas.

 

Apenas uns metros máis alá da praza de Galiza hai un estupendo parque onde as crianzas poden brincar sen temor, é a vella Alameda. Mais este espazo tampouco se libra das peregrinas ideas do concello coa construción dunha cafetería (realmente era necesaria?) que aparte de usurpar espazo público vai atravesar varias árbores.

 

E tamén a uns poucos metros, en Porta Faxeira, unha cafetería acaba de invadir espazo público colocando unha terraza fixa. Non son bos tempos para o espazo común!

 

En fin, un pouquiño mais de sentidiño e de verde, Alcalde e Corporación, aínda que só sexan gromos verdes para que poidamos andar e xogar cun ar máis limpo.