No Día de “A cidade sen o meu coche”, dedicado este ano ao cambio climático, a asociación ecoloxista Verdegaia destaca a importancia crecente do automóbil, e do transporte en xeral, como fonte de gases causantes do cambio climático. Entre 1990 e 2002, as emisións do sector do transporte en Galicia aumentaron nun 70%, cando no conxunto de Europa o aumento foi inferior ao 25%. Grande parte das emisións do transporte prodúcense nos desprazamentos urbanos e a inmensa maioría teñen a súa orixe no automóbil. Verdegaia reclama medidas enérxicas que reduzan o tráfico automobilístico urbano, para facer cidades a vilas máis saudábeis e para prevenir o cambio climático.
O sector do transporte é o que máis está a aumentar as súas emisións de gases de efecto invernadoiro e xa representaba o 17% do total das emisións galegas en 2000, sendo a principal fonte de emisión logo das centrais térmicas de carbón das Pontes e de Meirama. Isto é debido fundamentalmente ao crecemento urbanístico disperso, á construción de novas infraestruturas que potencian aínda máis as viaxes en coche e á marxinalización política do transporte público, a bicicleta e a marcha a pé. As viaxes en transporte público urbano diminuíron en Galicia nun 4,9% no período 1998-2003.
Usar de forma abusiva o coche debería ser percibido como algo insolidario. Queimar 1 litro de combustible supón emitir, entre outros contaminantes, 2,3 kg de dióxido de carbono (CO2), o principal gas causante do cambio climático. A meirande parte das viaxes urbanas en automóbil son para distancias inferiores aos 4 quilómetros. Así, cada persoa que utiliza o coche para os seus desprazamentos ao traballo (cun percorrido medio diario de 15 km) emite arredor de 2 toneladas de CO2 ao ano só por esta razón.
Para mellorar a calidade de vida nas cidades, para reducir os elevados custos económicos do transporte e para combater o cambio climático, o principal problema ambiental global, Concellos, Xunta e Goberno central deben alterar as súas prioridades en materia de transporte e infraestruturas, algo que é apuntado mesmo en documentos oficiais como o Plano estatal para cumprir o Protocolo de Quioto.
Cómpre aplicar medidas urxentes para reducir o uso do coche e para transvasar viaxeiros ao transporte público e aumentar os desprazamentos non motorizados, isto é, andar ou pedalar. Como sinala a propia Comisión Europea, isto require de accións tanto de disuasión do emprego do coche particular como de estímulo do uso dos medios máis ecolóxicos. Moitas desas medidas xa están a ser aplicadas con éxito en diversas cidades europeas, mais a súa aplicación no noso país é aínda moi limitada.
Entre as medidas de estímulo posibles, Verdegaia fai fincapé nas seguintes accións:
-
A mellora do transporte público, en cantidade e calidade: mellora de frecuencias, ampliación de horarios (incluídos nocturnos), billetes combinados, implantación de carrís-bus, etc.
-
.O establecemento de servizos de ferrocarril de cercanías e a construción dunha nova liña entre Santiago e o aeroporto de Labacolla, cuxa prolongación sirva para unir Santiago e Lugo por tren.
-
A implantación dunha rede básica de vías ciclistas, formada por vías ciclistas e rúas tranquilas e espazos seguros compartidos con outros medios de transporte, para dar continuidade e seguridade ao desprazamento en bicicleta. Estacionamentos para bicis ou acceso en bicicleta ao transporte público serían outras medidas que facilitarían a universalización dun modo de transporte que, como mostra a experiencia de moitas cidades, non é só para lugares chans ou pouco chuviosos.
-
Medidas para calmar o tráfico, como limitar a velocidade a 20-30 km/h nos barrios, dando prioridade a peóns e ciclistas, realizando itinerarios sinuosos para os coches, colocando bandas elevadas na calzada,….
-
Fomento da peonalidade, con medidas como a creación de redes de itinerarios peonais,
a ampliación de beirarrúas, o establecemento de pasos de peóns seguros e amplos en tódolos cruzamentos ou o aumento dos tempos de paso semafóricos. -
Nova concepción do desenvolvemento urbanístico, freando a dispersión e a segregación de usos. As cidades teñen que recuperar a súa escala humana, na que a cercanía dos servizos sexa a característica principal, baseada na descentralización. Un lugar é máis accesíbel canto menos distancia haxa para chegar a el. A creación de proximidade é o piar básico da mobilidade sustentábel.
As medidas anteriores débense implantar de forma parelela a outras que disuadan do uso do coche. Entre esas medidas, Verdegaia destaca as seguintes:
-
Moratoria na construción de infraestruturas de transporte pensadas para o automóbil: autovías, autoestradas, túneis, etc. Estas custosas infraestruturas estimulan o uso do coche de tal xeito que en pouco tempo se anulan os seus efectos positivos sobre a conxestión do tráfico. Deberían ser a derradeira solución, e non a primeira, como acontece hoxe.
-
Restrición do acceso do automóbil ás cidades: eliminación de prazas de estacionamento no centro e creación de estacionamentos disuasorios na periferia, implantación de parquímetros, prohibición de entrada a determinado tipo de vehículos, etc. Mesmo se debería estudar a implantación de peaxes urbanas cuxa recadación se investise no transporte público, como xa están a facer algunhas cidades en Europa e suxire o Plano estatal para cumprir o Protocolo de Quioto.
-
Medidas fiscais: taxa sobre o litro de combustíbel, imposto de circulación progresivo en función do tamaño e consumos do automóbil, eliminación do IVE no transporte público e na venda de bicicletas.