O verquido realizado no tramo inicial do río fixo que as augas estivesen completamente opacas durante varios días.

O pasado 31 de xullo o río Couso foi vítima pola enésima ocasión dun verquido contaminante pero desta volta, grazas á rápida comunicación entre veciños da zona e voluntarios de Verdegaia, foi posible avisar as autoridades a tempo para que levantaran acta da situación e tomaran mostras da auga contaminada.

Nas imaxes adxuntas obsérvase claramente como, á marxe da composición do verquido, as augas contiñan unha enorme concentración dunha sustancia que as tornaba opacas:

  • impedindo a chegada de luz ás plantas acuáticas;
  • asfixiando hábitats (as partículas suspendidas deposítanse no fondo sufocando os hábitats dos organismos acuáticos que viven no sedimento);
  • interrompendo a alimentación de varias especies acuáticas (principalmente as que dependen da claridade da auga para detectar presas o alimentarse de pequenos organismos).

Verquidos destas características repítense dende hai varios anos pero son difíciles de denunciar porque moitas veces entre que nos damos conta e avisamos as autoridades, as augas xa non presentan o estado inicial de contaminación. Pero no caso do 31 de xullo esta adversidade foi superada pola rápida reacción dos veciños, é por iso que animamos a todas as persoas, que observen calquera tipo de actividade lesiva para o medioambiente, a comunicar canto antes a situación ás autoridades ou, no caso que prefiran o anonimato, a contactar algunha asociación ecoloxista.

Campamento de voluntariado

Como contraste a este tipo de desfeitas, teremos nas próximas semanas a colaboración do Campamento Sendeiros do Louro, un grupo de 15 mozos oriúndos de varias partes da Península que colaborará nas tarefas de restauración ambiental do río Couso que Verdegaia ven realizando dende o ano 2023.

A retirada de lixo, a eliminación de especies invasoras e a plantación de árbores autóctonas está permitindo devolver o río ao seu estado natural. Un conxunto de actividades que só son posibles grazas á participación, ao longo destes dous anos, de xa máis de 60 voluntarios, entre veciños, participantes en campamentos e traballadores de empresas da comarca.