lobos.jpgVerdegaia e a Asociación para a Conservación e o Estudo do Lobo Ibérico (ASCEL) solicitan á Consellería do Medio Rural unha maior vixianza e un exhaustivo seguemento da actividade cinexética ante o comezo da nova tempada de caza. Actualmente, a Consellería dispón de menos dun axente por cada 55 cazadores e 5.300 hectáreas, sen restar os axentes que disfrutan das vacacións tras a campaña de incendios. Verdegaia e ASCEL consideran que esta relación é insuficiente. Ademais, a administración apenas persegue o furtivismo e moitos dos casos existentes quedan arquivados sen depurar responsabilidades.

O escaso seguimento nos controis de alcolemia, do control dos microchips e do trato dos cans de caza son outros puntos que critican as  dúas asociacións. Ademais, o feito que se poida vender a caza, dota a esta actividade dun interese lucrativo que pode contribuír a aumentar o furtivismo.

En moitos coutos (Tecores) xéstionase esta actividade con coñecementos insuficientes, tras soamente dúas asembleas ó ano, con escasa ou nula participación dos socios nas mesmas e nas que o único labor que se realiza é repoboar masivamente o monte con individuos de xenética dubidosa (ademais de especies alóctonas como os faisáns) e sen realizar melloras do hábitat previas.

Os plans de ordenación cinexética son de dubidosa rigorosidade e os censos realizados en cada Tecor carecen dun mostreo suficiente, xa que as actuais sociedades de caza dispoñen de recursos económicos escasos que inevitablemente repercuten na calidade do plan realizado polas consultoras.

A masiva entrada de especies catalogadas nos centros de recuperación de fauna silvestre, como miñatos, azores e lobos é indignante. Verdegaia e ASCEL solicitan á Consellería que identifique o couto de procedencia dos individuos afectados por furtivismo e proceda sistematicamente ó peche dos mesmos. Somos coñecedores de certos tecores con incidencia alta en furtivismo anual. Antes estes feitos, a Administración mira para outro lado debido ó elevado número de cazadores que nas eleccións se transforman en votos. O vergonzoso é que o correcto comportamento dalgúns deles, que solicitan unha xestión adecuada da actividade con fin de mellorar a súa calidade, vese enturbada polas actuacións ilegais doutros contra as cais a Consellería segue sen intención de actuar.

Dende ASCEL e Verdegaia, seguiremos criticando a xestión e o nulo seguimento da actividade mentres que a Xunta de Galicia siga sen tomar cartas no asunto ou  sen realizar melloras.