foto.php.jpg Tristemente temos que retomar un tema xa tratado noutra nota de prensa, xa que a empresa "Hidroeléctrica del río Grande, S.L." presentou unha modificación do seu proxecto orixinal, que saíu a información pública o 12 de marzo de 2008.

Desta volta, o estudo de impacto ambiental é absolutamente espeluznante. Preténdese que, para unha zona como Chandrexa de Queixa, é positivo facer este aproveitamente, xa que a xente ten unha renda per cápita moi baixa e entón a solución é que Hidroeléctrica del río Grande S.L. faga a presa, porque así o alcalde, que ten o 10% do capital social da empresa, repartirá os beneficios entre todos os veciños. Este argumento, que nos pode dar a risa, xa foi utilizado no proxecto orixinal e outra volta volven dicirnos que é a única solución que ten a xente de alí para vivir.

Non esquezamos que esta central e as presas estarán practicamente no superencoro que hai en Chandrexa de Queixa, un dos máis grandes da zona. Se este superencoro non fixou poboación en Chandrexa de Queixa, non vemos como vai facelo esta explotación tan pequena. O máis grave de todo é que afecta a zona LIC (Lugar de Interese Comunitario), a zona ZEPVN (Zona de Especial Protección dos Valores Naturais), está aproximadamente a 5 quilómetros do Parque Natural do Invernadoiro, e forma parte da Rede Natura 2000. A afectación sería total: fauna, flora, paisaxe… tanto na fase de construción como na fase de explotación.  

Verdegaia non comprende como, cunha teórica política de protección de espazos con valores naturais importantes, se pode permitir que un proxecto deste tipo siga adiante. Esperamos que a partir das alegacións de Verdegaia e doutros grupos ecoloxistas, e da chamada de atención que supón esta nota de prensa, os/as responsables reflexionen e dean marcha atrás antes de destruír unha das zonas coa maior biodiversidade de toda Galicia.