Como todos os derradeiros xoves de mes, o 25 de setembro terá lugar unha nova edición da Masa crítica en Ourense. Desta vez queda encadrada na Semana europea da mobilidade, o que nos dá pé para darlle aínda máis sentido, se cabe, á reivindicación do uso da bicicleta dentro da cidade como medio de transporte máis rápido e sustentable tanto ambiental como socialmente.
O xoves 25 quedaremos coma sempre ás 20.00 h. no Parque de San Lázaro, fronte á Subdelegación do Goberno, pero ademais Verdegaia organizará unha actividade que consistirá en dar a información relativa á actividade de mobilidade (o mesmo traxecto andando, en bici, en bus, en taxi e en coche) que fixo o martes 23 de setembro.
Por segunda vez gañou a bicicleta tanto en tempo como en custes económicos como en custes ambientais (quen dá máis?), o que demostra que é o mellor medio de transporte dentro da cidade.
Animamos a todas as persoas a coller a súa bicicleta e a acompañarnos na masa crítica do 25 de setembro, xa que o uso da bicicleta e a redución do uso do coche redunda na saúde de toda a cidade.
Agardámoste ás 20.00 h. no Parque de San Lázaro, diante da Subdelegación do Goberno.