mani_21.10.2011_mbr.jpegDesde Verdegaia sumamos o noso rechazo á renovación das autorizacións ambientais integradas tanto á fábrica pasteira como á planta química (complexo ENCE-ELNOSA) situadas na Ría de Pontevedra, e convidamos a todos e todas a acudir á MANIFESTACIÓN convocada pola Plataforma en Defensa da Ría de Pontevedra para o DÍA 21 DE OUTUBRO ÁS 20:30 HORAS e apoiada por diversos colectivos do País (entre eles Verdegaia) baixo o lema: ”Razóns abondo”.

E é que razóns temos abondo para esixir ao goberno da Xunta e ao seu presidente o Sr Feijoo que non se renoven as AAI a  un  complexo ilegal e contaminante, condenado por delito ecolóxico, que vulnera sistamáticamente a normativa ambiental  e que impide desde hai xa demasiado tempo o saneamento e recuperación da ría pondo en  perigo a calidade e xeito de vida dos viciños e viciñas da comarca .

Lembramos que  xa no 2010 os políticos que nos desgobernan aseguraron que o espacio que agora ocupa o complexo industrial de Lourizán voltaría ao dominio púlbico marítimo-terrestre cando as factorías fosen trasladadas , por imperativo da lei de costas, e daba como data para ese traslado antes do 2018 . Tamén, desde o goberno local, aseguraban  que este espazo aparecería no plan de ordenación como zona libre “`para use e disfrute da cidadanía e así o tiñan pactado coa Dirección Xeral de Urbanismo e que xa se tiña abordado tamén coa administración autonómica. A renovación das citadas autorizacións ambientais  por parte do goberno da Xunta de Galicia  suporía  un paso atrás en todo este proceso de recuperación dunha ría gravemente danada e castigada e viría a  consolidar a prensenza desta actividade industrial na ría de Pontevedra.

A ría de Pontevedra, zona cunha grande tradición pesqueira e marisqueira,  posúe unha riqueza biolóxica moi grande que se ve en perigo  pola presenza de niveis de contaminación moi elevados: desde a desembocadura do río Lérez e ata a altura da illa de Tambo  verquen as súas augas residuais e industriais os núcleos de pobación viciños e varias industrias entre as que se atopan ENCE e ELNOSA. Como consecuencia destes verquidos a contaminación microbiana (niveis de coliformes totais e fecais moi superiores aos permitidos pola lexislación para augas de baño e para augas de cultivo)e química son elevadas afectando tanto a producción marisqueira como as zonas de baño e lecer polo tanto a súde dos viciños e viciñas da contorna.

Na punta de Placeres (unha das zonas máis importantes para o marisqueo) a contaminación polos verquidos do citado complexo son apreciabeis a simple vista ao traveso do cheiro e cor que presentan as súas augas e fangos nunha zona amplia ao redor do efluente. É importante tamén a presencia de sustancias flotantes, aceites minerais  e concentracións moi perigosas de organoclorados, metais pesados como mercurio, cadmio, chumbo, zinc, cromo e cobre entre outros.

Os metais pesados acumúlanse e permanecen no fondo mariño durante séculos o que cría un grave problema de contaminación. As interaccións dos productos químicos cos sistemas biolóxicos provocan un risco tanto para os ecosistemas como para o ser humano. De todos é coñecido que entre os metais pesados máis importantes, en termos de perigosidade ou posible perigosidade, están o mercurio, chumbo, cadmio, estaño e zinc. As sais solubeis en auga dos metais pesados (como é o caso do chumbo, cadmio e mercurio) son moi tóxicas e acumulabeis polos organismos que as absorben o que fai que sexan fonte importante de contaminación das cadeas alimentarias ao ser inxeridos por algún dos seus eslabóns. O banco marisqueiro de Lourizán está clasificado como zona C, bancos marisqueiros cun grao de contaminación moi alta. Os moluscos ao ser filtradores absorben no seu interior toda a carga de contaminantes que teñen as augas da ría e a súa capacidade de depuración desaparece Todo o peixe que consumimos hoxe en día (e tamén afecta ao marisco) está contaminado por mercurio e as cantidades de mercurio presentes no meio natural e no corpo humano seguen a aumentar.

POR TODO ISTO, RAZÓNS SOBRAN…..

CONTRA A  RENOVACIÓN DAS AUTORIZACIÓNS AMBIENTAIS INTEGRADAS AO COMPLEXO ENCE-ELNOSA NA RÍA DE PONTEVEDRA.