Catorce colectivos de diversa índole, entre os que se atopa Verdegaia, veñen de pór en marcha unha campañacartaz_do_debate_baixa_28-12-10.png para conseguir a protección da Serra do Galiñeiro e así conservar os seus diversos valores. O vindeiro martes 28 ás 20 h. levarán a cabo a súa primeira actividade conxunta que será un debate na Aula de Cultura “Pontes das Rosas” de Gondomar (Avda. da Feira, nº 10) sobre as figuras de protección máis acaídas para esta serra, os efectos da declaración desas figuras, os usos compatibles e a influenza socioeconómica e os valores da serra. A Serra do Galiñeiro, lugar natural de encontro dos Concellos de Vigo, Gondomar, Mos, O Porriño e Tui, alberga numerosos valores naturais, xeolóxicos, paisaxísticos, etnográficos, arqueolóxicos e sociais.

 

 

Neste debate participarán Francisco J. Benítez Gómez, biólogo e Director Técnico da Consultoría de Estudos de Impacto Ambiental ALCIONE, Adolfo Cordero Rivera, Catedrático de Ecoloxía da Universidade de Vigo e exmembro do Observatorio Galego sobre a Conservación da Natureza, e Gonzalo Puerto Arribas, Director do Parque Natural do Monte Aloia e Técnico Provincial da Rede Natura en Pontevedra.

Asociacións de veciños como a de Vincios ou a do Casco Vello de Vigo, asociacións de montañeiros como Montañeiros Celtas ou a Federación Galega de Montañismo, asociacións ecoloxistas como Adega, A Ría Non se Vende, A Groba, Plataforma pola defensa da ría de Vigo “Cíes”, Salvemos Monteferro, S.O.S. Groba ou Verdegaia, a Comunidade de Montes de Vincios, o Clube de espeleoloxía “O Maúxo” e o Instituto de Estudos Miñoranos están detrás desta iniciativa.

A Serra do Galiñeiro, lugar natural de encontro dos Concellos de Vigo, Gondomar, Mos, O Porriño e Tui, alberga numerosos valores naturais, xeolóxicos, paisaxísticos, etnográficos, arqueolóxicos e sociais polo que as asociacións citadas pensamos que teñen que ser protexidos amparándose nas lexislacións europea, galega e municipal vixentes.

Solicitamos a protección da Serra do Galiñeiro porque queremos seguir tendo un referente paisaxístico para as bisbarras do Val Miñor, Vigo, A Louriña, Baixo Miño e O Morrazo, un rico patrimonio xeolóxico e hábitats que acollen flora e fauna de escasa presenza en Galicia. Queremos seguir disfrutando dos petróglifos e das mámoas, das numerosas cavidades existentes na Serra, que foron abrigueiro de pastores e canteiros, e do seu rico patrimonio inmaterial. Queremos continuar coa xestión de aproveitamento multifuncional que moitas Comunidades de Montes fan do Galiñeiro.

Toda a Serra ofrece numerosos servizos económicos, de lecer, deportivos e culturais nunha área tan densamente poboada como é a área metropolitana de Vigo, aos que temos que sumar os aspectos didácticos relacionados coas Ciencias Naturais e Sociais. O Galiñeiro abastece as traídas de augas da veciñanza de toda esta área e tamén acolle pastoreo de gando ceibe: cabalos, vacas e cabras.

Denunciamos os proxectos e actuacións altamente impactantes que destragan a Serra, impulsados por un desarrollismo que ignora as súas catastróficas actuacións: plantacións de especies foráneas como eucaliptos ou piñeiros, zonas inzadas de acacias, proliferación de canteiras, moitas delas ilegais, e outras sen a debida restauración. Presión de grandes infraestruturas como a construción de parques eólicos e estradas de circunvalación de áreas urbanas, son novas ameazas que se suman á deterioración habitual de pistas e movementos de terra sen control, aos vertedoiros incontrolados de lixo e entullos, ao tránsito frecuente de motos de cross e quads fóra dos camiños e incluso á acampada ilegal.

En vindeiras datas comezaranse a levar a cabo outras actividades como roteiros pola serra, debates con deportistas, actividades con escolares, un concurso fotográfico,…

Manifesto pola protección da serra do Galiñeiro.

foto-do-galieiro.png