O pasado luns 10 de Setembro, o Instituto de Estudos Miñoranos, o Grupo Ecoloxista A Groba, Salvemos Monteferro, o Clube Espeleolóxico Mauso, representantes de diversos partidos políticos, comuneiros das parroquias afectadas polo parque eólico "Albariño I" e representantes de Verdegaia, asistimos a unha xuntanza da que nace unha nova organización, co obxecto de protexer a Serra da Groba da iminente ameaza que supón o proxecto de parque eólico.
Nesta xuntanza falouse sobre todas as normativas estatais e europeas que este parque incumple, sobre a defectuosidade do seu Estudo de Impacto Ambiental e sobre as ferramentas que temos para deter o seu proceso de aprobación.
No Val Miñor hai xa varias experiencias nas que recorrendo aos procesos administrativos certos proxectos terminaron por non ser aprobados. Neste caso, as alegacións ao parque eólico chegaron á Administración desde todos os grupos asistentes, e en abundancia. Tamén hai concertadas citas cos delegados de Industria e Medio Ambiente da Xunta.
O proceso será longo, mais hai moita normativa que este parque incumpre, e un grandísimo patrimonio a protexer e revalorizar na Serra da Groba. Patrimonio que fica descoñecido pola maior parte da poboación. Se cadra isto se poda arranxar, creando material educativo, realizando charlas, organizando roteiros, etc…, E dende esta nova organización faremos o que estea ao noso alcance para comprobalo.