logopngXa se pode ler o primeiro número da revista electrónica “Cos Pés na Terra”, unha revista galega  para a información, a reflexión e o debate sobre a sustentabilidade. Desde a independencia e con rigor e espírito crítico, “Cos Pés na Terra” abordará asuntos de interese relacionados co medio ambiente e coa sustentabilidade. Trátase dunha iniciativa promovida pola asociación ecoloxista Verdegaia coa intención de enriquecer o debate sobre a sustentabilidade en Galicia.

A periodicidade dos números da revista será semestral e haberá algunhas actualizacións de cada número. A revista diríxese a calquera persoa con interese en aprofundar en cuestións que teñen que ver coa sustentabilidade e, de forma particular, a activistas de movementos sociais, estudantes e profesionais de áreas relacionadas cos temas da revista, xornalistas, técnicos/as e políticos.

O primeiro número ábrese cunha entrevista con Federico Martín Palmero, profesor do Departamento de Análise Económica da Universidade da Coruña, sobre a pegada ecolóxica de Galicia, e mais cun debate sobre os incendios forestais protagonizado por representantes da Federación Ecoloxista Galega (FEG), Greenpeace, Verdegaia e WWF/Adena. Os artigos do número de estrea de Cos Pés na Terra tratan do aproveitamento enerxético do mato (por Albino Prada Blanco, María Xosé Vázquez Rodríguez e Mario Soliño, do Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Vigo), da contribución de Galicia ao cambio climático (Xosé Veiras, Verdegaia), do impacto socioambiental de Pescanova en Chile (Ferrán Gallego, Veterinarios sin fronteras), da especulación urbanística en España e no mundo (Ramón Fernández Durán, Ecologistas en Acción), da plataforma para a defensa de Monteferro (Nigrán) e da desregulación ambiental en Europa (Samuel Martín-Sosa, European Environmental Bureau). O número complétase con reseñas de publicacións e filmes.

Cos Pés na Terra xorde como resultado dunha iniciativa da asociación ecoloxista Verdegaia e co seu respaldo. Porén, non será unha revista de Verdegaia ou para informar sobre as actividades e posicionamentos de Verdegaia. A maioría dos membros do seu Consello de Redacción, formado por ecoloxistas e por investigadores universitarios, non son activistas de Verdegaia.

O enderezo da revista é www.cospesnaterra.info