Diversos colectivos e persoas a título individual organízanse contra a criminalización de Nines Maestro e outras dúas mulleres por recadar axuda solidaria para Palestina.

A Plataforma de Apoio a Nines e Palestina constitúese co obxectivo de coordinar e impulsar actividades de apoio a Nines Maestro e a outras dúas activistas (que preferiron permanecer no anonimato) acusadas de financiamento do terrorismo por recoller fondos destinados á reconstrución de instalacións sanitarias de Gaza tras os bombardeos en 2014 e 2015.

Despois dos ataques de Israel a Gaza levouse a cabo unha primeira recadación de 5.300 euros en 2014, canalizada a través de Leila Khaled, e unha segunda de 3.085 euros en 2015 que se fixo chegar a través dun representante oficial da Autoridade Nacional Palestina.

Agora a Audiencia Nacional dispuxo a apertura de sumario por colaboración con organización terrorista, delito que podería supor penas de dous a dez anos de cárcere e multas polo triplo da cantidade enviada. O pretexto esgrimido polo tribunal – a canalización da axuda solidaria a través da dirixente palestina Leila Khaled, membro dunha organización, a Fronte Popular para a Liberación de Palestina, que é considerada pola UE como organización terrorista – é inaceptable. Leila Khaled é un símbolo da resistencia do seu pobo e é invitada con certa frecuencia  – como na ocasión citada – por concellos como os de Barcelona e Madrid e outras institucións académicas e sociais.

A Plataforma de Apoio a Nines e Palestina créase para proporcionar información e difusión do caso, buscar apoios no ámbito estatal e internacional e contribuír a cubrir os gastos xudiciais.

Entre os colectivos integrados na plataforma -que Verdegaia tamén apoia- figuran Anticapitalistas, BDS, CGT Corredor del Henares, Iniciativa Comunista, IU Madrid Ciudad, La Comuna, Madres contra la Represión, Movimiento Antirrepresivo de Madrid, Nodo50, Paz con Dignidad, Red Roja, Sindicato Asambleario de Sanidad-Madrid. Está e estará constantemente aberta á incorporación de novas organizacións e persoas interesadas en estender unha mensaxe clara: a solidariedade internacionalista non é delito.

Primeiras accións

Lanzouse unha recollida de sinaturas de apoio en torno ao Manifesto Contra a criminalización da solidariedade co pobo palestino, ademais de comezar os contactos con diversos Concellos, xuristas e artistas de todo o Estado.

A Plataforma conta xa cunha web https://www.conninesporpalestina.org/ (en construción), un perfil de Twitter (@PNinesPalestina) e unha imaxe identificativa que se irá difundindo nos próximos días:

Durante o verán o obxectivo da plataforma é dar a coñecer o caso e ir recabando apoios, coa finalidade de comezar unha segunda fase de difusión e actividades coordinadas no ámbito estatal a partir de setembro, que culminarán nun evento de apoio de maior alcance antes de decembro de 2019.

Durante a semana que vén levaranse a cabo accións de difusión nas próximas festas da Karmela, en Vallecas, centralizadas nun posto informativo permanente.

Unha acusación que pretende reprimir a solidariedade internacionalista

Ángeles Maestro militante de Red Roja, exdeputada de IU no Congreso dos Deputados (1989 e 2000), comunista, médica, militante antifascista e contra a guerra que fixo do internacionalismo unha causa permanente.

A causa contra Nines Maestro e outras dúas compañeiras representa unha medida legal de criminalización dun acto solidario. Se xa a principios de ano parecía inaudita unha acusación por delito de financiamento do terrorismo, o pasado 14 de xuño recibiuse a noticia de que a Audiencia Nacional negara o sobresemento solicitado pola defensa.

En declaracións á prensa Nines Maestro deixou claro que “O único que fixemos foi recadar diñeiro para axuda humanitaria en Palestina despois dos ataques de Israel en dúas ocasións. Unha a mediados de 2014 e outra a finais de 2015. Nada máis. Entregamos o diñeiro recadado, primeiro, a Leila Khaled e, despois, a un representante da Autoridade Nacional Palestina. Nunca pensamos que encontrariamos unha demanda por financiar o terrorismo. Non ten sentido”.