O vindeiro domingo 5 de xuño, Día do Medio Ambiente, mobilizarémonos baixo o lema “Temos Alternativa!”, por un modelo enerxético xusto e sustentábel e por unha enerxía por e para o pobo. A Coordinadora Eólica Así Non, conformada por máis de 180 entidades e plataformas ecoloxistas, veciñais, sociais, culturais, sindicais de toda Galiza fai un chamamento a toda a sociedade galega para que participe na gran mobilización social que terá lugar o vindeiro 5 de xuño en Santiago de Compostela, e que partirá ás 12 horas desde a Alameda e rematará na Praza do Obradoiro onde se dará lectura ao manifesto.

Con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente, as entidades convocantes queremos chamar a atención sobre a necesidade de rachar co modelo tradicional de produción e consumo de enerxía para acadar unha transición ecolóxica e unha descarbonización da economía socialmente xusta e ecoloxicamente viábel, en contraposición co actual modelo imposto pola Xunta e do Estado español. Desde a Coordinadora Eólica Así Non advírtese de que o actual modelo de transición no eido enerxético só responde aos intereses das grandes corporacións da enerxía e que non contribúe a superar o reto climático, pois segue apostando polo espolio do territorio, a fragmentación de hábitats, a perda de biodiversidade e por unha produción intensiva e centralizada da enerxía que somete cautiva á sociedade.

Un ano despois de que a coordinadora Eólica Así Non conseguise congregar a milleiros de persoas na Praza do Obradoiro para reclamar a moratoria dos proxectos eólicos en tramitación e unha nova planificación eólica, seguimos teimando na necesidade urxente de adoptar estas medidas, pero ademais apelamos a un cambio de modelo enerxético que se enfronte á lóxica do crecemento capitalista, que rache a dependencia entre o aumento do consumo da enerxía e a mellora do noso benestar social. Un cambio de rumo cara a un sistema no que a enerxía sexa concibida como un dereito fundamental da sociedade, que poña o interese público e a protección da natureza por diante do lucro e da especulación e que outorgue aos poderes públicos e á sociedade un papel activo na planificación e na toma de decisións.

Os 9 principios dun modelo enerxético xusto e sustentábel

O manifesto titulado “Temos Alternativa!” asinado por máis de 180 entidades de todo o país enumera 9 principios nos que se debería fundamentar o novo modelo enerxético para ser xusto e sustentábel, e para dar servizo por e para o pobo, e que se resumen a continuación.

A alternativa enerxética que se promove sitúa a protección da Natureza e da biodiversidade como piar básico da transición ecolóxica e por diante da implantación caótica de enerxías renovábeis, como principal forma de resiliencia fronte o cambio climático, tanto en terra como no mar (principio 1). Debe ser coherente coas directivas europeas de protección ambiental, polo que necesariamente ha de contemplar a ampliación dos espazos naturais protexidos como Rede Natura, así como a preservación dos caladoiros de pesca e dos corredores ecolóxicos de especies migradoras (principio 2), as cales deben prevalecer sobre o impulso de novos proxectos de produción intensiva de enerxía renovábel, máxime cando non existe unha planificación racional e ordenada destes aproveitamentos industriais no territorio.

Un modelo enerxético xusto e sustentábel tamén debe coidar e valorar o patrimonio cultural que nos outorga identidade (principio 3), tanto material como inmaterial. A actual invasión eólica supón a ameaza de cando menos o 30% do noso patrimonio material. E tamén condiciona o futuro de actividades tradicionais e estratéxicas do país ligadas ao sector agroalimentario e pesqueiro que proporcionan alimentos básicos para a poboación. Un modelo enerxético alternativo debe ser compatíbel co dereito dos galegos e galegas a acadar a súa soberanía e seguridade alimentaria (principio 4).

Apostamos por un modelo que prime o aforro e a eficiencia fronte o aumento da capacidade de xeración enerxética (principio 5), e instamos ás institucións públicas a cumprir co principio comunitario “eficiencia enerxética, primeiro”. Reducir a demanda enerxética e favorecer a eficiencia son, per se, unha fonte de enerxía e a mellor forma de acadar a soberanía enerxética e abaratar o prezo da luz, que en 2022 bateu o seu récord en 700€MWh.

Eólica Así Non aposta por un modelo enerxético no que Galiza deixe de ser espoliada enerxeticamente e teña soberanía para decidir sobre os seus propios recursos (principio 6), de cara a acadar a autosuficiencia enerxética e a construír un modelo de xeración distribuída e de autoconsumo, no que o pobo e a administración pública teñan dereito a participar na xestión directa da demanda e na xeración eléctrica.

Mais para conquerir os anteriores obxectivos, debemos deseñar unha nova planificación eólica e enerxética con fins socioambientais e ao servizo do país (principio 7) que garanta un proceso de transición ecolóxica ordenado, racional e equilibrado, e participado pola sociedade. O principio 8 do manifesto “Temos Alternativa!” apela pola derrogación das “leis de depredación” e por un modelo enerxético no que se garanta a participación pública fronte aos recortes dos dereitos democráticos, que a propia Xustiza recoñeceu como ilegais en recentes sentenzas.

Por último, apelamos ao principio de precaución para preservación da saúde pública (principio 9) no proceso de implantación de novas instalacións de xeración eléctrica ou sobre as que xa están instaladas próximas a núcleos de poboación, así como a favorecer estudos serios e rigorosos sobre o impacto na saúde destas infraestruturas.

Adhire o teu colectivo ao manifesto “Temos Alternativa”!

A marcha do Día do Medio Ambiente en Santiago de Compostela está convocada por todas as entidades e organizacións que ao longo de 2021 se sumaron á Coordinadora Eólica Así Non, superando a día de hoxe as 180 entidades. Desta volta, únense tamén ás entidades convocantes da mobilización do 5 de xuño a Plataforma en Defensa da Pesca e dos Ecosistemas Mariños, xurdida do manifesto de Burela e da loita do sector do mar fronte a eólica mariña, e a Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común, que reúne a maios parte das comunidades de montes veciñais afectadas pola actual implantación da enerxía eólica.

O manifesto “Temos Alternativa!” permanecerá aberto ata o venres 3 de xuño a novas adhesións de colectivos, entidades ou plataformas que apoien o modelo enerxético proposto por Eólica Así Non e a manifestación do vindeiro día 5 de xuño en Santiago de Compostela. As entidades e colectivos poderán achegar o seu apoio a través do seguinte formulario: bit.ly/adhesions5X