O luns 18 de maio, a mariña israelita interceptou, outra vez en augas internacionais sen ningún tipo de xurisdición legal, a varias embarcacións da Global Sumud Flotilla. Embarcación que navegaban rumo a Gaza levando axuda humanitaria como medicamentos, material escolar e roupa de abrigo. A violenta abordaxe e detención realizouse ás 9:30h a unhas 80 millas náuticas ao oeste da illa de Chipre. A información que temos é que 5 embarcacións foron interceptadas e varias persoas detidas e entre elas 6 galegos e un dos galegos detidos é o noso compañeiro de A Ría Non se Vende, Duarte Ferrín. Os activistas detidos foron trasladados a un buque prisión con destino ao porto israelita de Ashdod. Israel volve actuar, unha vez máis, con total impunidade.

Como xa temos comentado noutras ocasións fai o que lle peta e Europa mira para outro lado; actúa en augas internacionais abordando de xeito violento as embarcacións da flotilla e detendo a persoas que exercían un acto de solidariedade humanitario e o mundo normaliza estas situacións; asasina , destrúe e aniquila un pobo enteiro e o mundo non se inmuta; fai guerras exterminando coa única finalidade de roubar os recursos que non lle pertencen e o mundo fai como que non se entera.

Políticos de todas partes son responsábeis co seu silencio de normalizar e alentar situacións como estas. Fai poucos día vimos como a nova alcaldesa de Lugo, Elena Candia (PP), o primeiro que fixo tras tomar posesión do seu cargo foir mandar retirar a bandeira da Palestina. A Comunidade de Madrid, outorga a Israel a súa Medalla de Honra a proposta de Vox en plena invasión e exterminio de Gaza. A Comunidade premia o asasinato de homes, mulleres e crianzas palestinas e ten a desvergoña de dicir que hai que apoiar Israel porque os palestinos son uns terroristas. E mentres todo isto ocorre, o inmensa maioría do pobo español mira para outro lado. E seguimos votando a especímenes deste calado que se cren con patente de corso, non só para roubar senón para defender o exterminio de quen non lle interesa.

Cando os homes e mulleres de ben imos dicir basta? Cando imos botar cos nosos votos e co noso desprezo a toda esa caterva que nos dirixe e goberna en Europa e no mundo?

Hoxe detiveron a varios persoas decentes, xentes de ben que enarbolaban a bandeira da solidariedade, da humanidade, da empatía. Esas persoas foron violentadas e detidas e entres elas está o noso compañeiro Edi, a única arma que levaba era a súa gaita e unha chea de esperanza e axuda para un pobo que está sendo asasinado por criminais ante a pasividade do mundo enteiro.

Denunciamos as autoridades chipriotas que permitiron a abordaxe, actuando contra os activistas e o dereito internacional marítimo, a Unión Europea porque seguimos esperando unha condena clara e sen ambigüedades ante a destrución sistemática e contínua do pobo palestino, mediante asasinatos en masa, fame, bloqueo, destrución de infraestruturas, hospitais, patrimonio cultural, desprazamentos forzados masivos,etc. Pedimos ao goberno da Xunta que se implique e condene as actitudes criminais do goberno de Israel que leva décadas de desprazamentos e violencia e que se envergoñe e pida disculpas pola actitude do seu partido apoiando o xenocidio porque apoiar Israel é apoiar a destrución total e o asasinato en masa de homes, mulleres e crianzas, é apoiar a inmoralidade e a indecencia.

Pedimos ao goberno do Estado que actúe de xeito rápido e contundente na liberación dos secuestrados e felicitamos ao ministerio de exteriores pola declaración conxunta con outros países ( España, Turquía, Bangladés, Brasil, Colombia, Indonesia, Jordania, Libia, Maldivas e Pakistán) condenando ”os ataques israelitas contra unha iniciativa civil pacífica destinada a chamar a atención internacional sobre o catastrófico sofremento humanitario do pobo palestino”.

Grazas Edi e grazas a todos e todas os que viaxades na flotilla levando un pouco de esperanza nestes momentos tan duros!!!

Facemos un chamamento a participar en todas as actividades de apoia á Flotilla e de solidariedade co pobo Palestino!